Retoman o operativo para reflotar o narcosubmarino atopado na Arousa
Retoman o operativo para reflotar o narcosubmarino atopado na Arousa
O somerxible está a unha milla de Vilaxoán, en Vilagarcía
É de fibra de vidro e ten uns 15 metros de eslora
O grupo especial de actividades subacuáticas da Garda Civil realizou unha primeira inmersión para intentar acceder ao interior do narcosubmarino, pero foi imposible, polo mal estado do mar. O vento e as ondas impediron entrar e tamén a reflotación para trasladar o somerxible a porto. O operativo, presúmese, será complicado.
"Os mergulladores da Garda Civil baixaron e tomaron unha primeira impresión da situación en que se atopa para conxuntamente deseñaren o operativo que sexa máis axeitado para poder reflotalo o máis rápido posible", comenta Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra.
O narcosubmarino é de fibra de vidro e ten uns 15 metros de eslora. Está practicamente afundido, só unha parte asoma á superficie. Foi un mariñeiro quen o avistou e avisou os servizos de urxencia. O somerxible está moi preto de terra, a unha milla de Vilaxoán, que son case dous quilómetros.
"Está transversal, unha parte importante do somerxible está afundida nunha zona que ademais ten moito lodo. Están vendo de que maneira poden atalo para que se poida elevar sen que sufra ningún tipo de deterioración", relata Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra.
A investigación acaba de empezar e polo momento non transcenderon datos sobre a tripulación e o alixo que puido transportar. Unha das hipóteses é que chegara procedente de América do Sur e que descargara a droga antes de o botaren a pique.
"Ver que relación pode ter este submarino con operacións antidroga nas que levan traballando desde hai tempo tanto a Policía Nacional como a Garda Civil e Aduanas", afirma Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra.
O que parece que teñen claro os investigadores é que está relacionado coas narcolanchas que apareceron hai un mes en praias de Ribeira, na outra beira da ría de Arousa. Este sería o segundo narcosubmarino que cruzou o océano. Os dous chegaron a Galicia. O primeiro fora localizado na costa de Aldán en 2019.