Publicador de contidos

Publicador de contidos

Este domingo, entre lusco e fusco, temos unha cita co ceo

Este domingo, entre lusco e fusco, temos unha cita co ceo

Unha elipse total de lúa reclama a nosa ollada

G24.gal 07/09/2025 14:49 Última actualización 07/09/2025 15:13

A Terra vaise interpoñer este domingo entre o Sol e a Lúa, ocasionando unha eclipse total de Lúa. A este fenómeno chámanlle tamén lúa de sangue porque o astro parece tinxirse de vermello. 

"Ponse vermella porque aínda que a Terra é un corpo opaco, non é opaco en toda a súa superficie. Ten unha última capa, a atmosfera, translúcida, pola que poden pasar algúns raios de luz", explica o astrónomo Borja Tosar.

O evento será visible en moitas rexións do mundo. En Galicia, tamén. Aquí a Lúa xa sairá case eclipsada totalmente, pero veremos moi ben a súa recuperación. 

"Imos ver como aparentemente desde o horizonte sobe moi rápido ao ter o horizonte aí ao lado e logo imos ver como reaparece tamén moi rápido, como recupera o brillo moi rápido e como a curva da Terra vai despexando a Lúa oculta. Vai ser unha eclipse moi dinámica, aínda que non sexa tan vermella", detalla Borja Tosar.

A cita é á hora en que se pon o sol e hai que mirar ao leste.

"O mellor é escoller un sitio co horizonte leste despexado, coas menos árbores, menos montes e menos edificios posibles e alto. Logo é simplemente mirar cara ao leste como sae a Lúa", aconsella o astrónomo.

Para ver unha eclipse de Lúa non precisamos protección e podemos usar telescopios e prismáticos.

 "De feito, cuns pequenos prismáticos, os máis sinxelos que poidamos ter na casa, xa é unha visión moitísimo mellor que a visión que podemos ter a simple vista", afirma Borja Tosar.

Evidentemente, o tempo que faga vai condicionar a visibilidade do fenómeno. 

"Os astrónomos galegos non nos deixamos intimidar polos prognósticos meteorolóxicos. Pode que estea despexado ou non pero hai que intentalo", subliña o astrónomo Borja Tosar.

Borja Tosar recórdanos que apuntemos na axenda o 12 de agosto do ano que vén. Vaise poder ver desde Galicia unha eclipse total de sol.

"Vai ser un dos fenómenos máis espectaculares que se poidan ver en Galicia en cen anos ou máis", asegura o experto.

En 2027 teremos tamén a oportunidade de ver outra eclipse total de Lúa e ademais ao completo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade