Estas son as principais medidas do novo decreto de vivenda que están xa en vigor
Os "grandes posuidores" (propietarios de máis de dez vivendas ou cinco en zonas tensionadas) non poderán mercar inmobles ata o 31 de decembro de 2030 por debaixo do valor de taxación
A prórroga extraordinaria dos contratos de alugueiro que venzan antes do 31 de decembro de 2028 é por anualidades cun máximo de dous anos, pero non é automática
O Estado compensará as comunidades polo custo de facerse cargo das cantidades debidas por inquilinos vulnerables en desafiuzamentos por falta de pagamento
O decreto lei de vivenda que entrou este xoves en vigor amplía aos "grandes posuidores" (propietarios de máis de dez vivendas ou cinco en zonas tensionadas) as limitacións á hora de adquirir inmobles que establecía o decreto anterior para os "fondos voitre" e esténdeas dous anos máis, ata o 31 de decembro de 2030.
O novo texto, no que desaparece o termo "fondos voitre", modifica a maioría das medidas que contiña o decreto anterior, que foi derrogado polo Congreso a semana pasada.
En materia de desafiuzamentos, inclúe, por exemplo, que o Estado compensará as comunidades polo custo de facerse cargo das cantidades debidas por inquilinos vulnerables en desafiuzamentos por falta de pagamento.
Outra novidade, respecto ao decreto derrogado a semana pasada, é que a prórroga extraordinaria de dous anos dos contratos de alugueiro pasa a ser "por anualidades ata un máximo de dous anos" e con condicións, entre elas que o inquilino estivese ao corrente de pago durante os oito meses anteriores.
O novo decreto deberá ser validado no prazo dun mes pola Deputación Permanente do Congreso (órgano que substitúe ao pleno cando as Cortes están disoltas), onde o voto de Junts non é decisivo e o Goberno conta cos apoios necesarios para sacalo adiante (PSOE, Sumar, ERC, Bildu, PNV e Podemos).
Así quedan as medidas máis relevantes que entran en vigor este xoves:
1.- A prórroga extraordinaria dos contratos de alugueiro que venzan antes do 31 de decembro de 2028 é por anualidades cun máximo de dous anos. Non son automáticas, senón que os inquilinos téñenas que solicitar, e para iso teñen que estar ao corrente de pago e estalo durante os oito meses anteriores.
2.- Os topes na actualización anual das rendas ata o 31 de decembro de 2027 non varían: subida do 0 % se a renda supera o máximo do índice de prezos de referencia do Ministerio de Vivenda e do 2 % como máximo se non o supera.
3. Tampouco varía a regulación do alugueiro de tempada e do alugueiro por cuartos, que non aplica en comunidades con lexislación propia como Cataluña.
-Establécese unha duración mínima de 31 días e máxima de doce meses para o alugueiro temporal.
-Obrígase a xustificar a temporalidade do contrato e, se non queda debidamente acreditada, considerarase automaticamente que o contrato é de vivenda habitual, o mesmo que cando se encadeen máis de dous contratos temporais co mesmo inquilino.
-Os alugueiros de cuartos pasan a ter o prezo regulado (a suma do prezo de alugueiro da vivenda por cuartos non poderá superar o importe da renda do contrato de arrendamento unitario da vivenda completa).
Quedan excluídas as cesións de cuartos ou estancias realizadas por entidades do terceiro sector de acción social, sen finalidade lucrativa, en programas de acollida, inclusión ou aloxamento de persoas vulnerables e durante a súa duración.
4.- Quedan suspendidos os desafiuzamentos de persoas vulnerables sen alternativa habitacional ata o 31 de decembro de 2030, se o caseiro é unha empresa dedicada a especular con edificios de vivendas.
Co resto de arrendadores, a suspensión do desafiuzamento revisarase cada doce meses e terá unha duración máxima de tres anos.
En desafiuzamentos por falta de pagamento, o inquilino poderá poñer fin ao proceso xudicial se paga as contías debidas.
En caso de vulnerabilidade económica do inquilino, a comunidade autónoma correspondente dispoñerá de dous meses para ofrecer unha alternativa habitacional adecuada ou, na súa falta, pagarlle ao arrendador ou consignar xudicialmente a totalidade das cantidades reclamadas e devindicadas ata ese momento, así como as custas procesuais a favor do demandante.
A Administración Xeral do Estado compensará as comunidades autónomas, incluídas o País Vasco e Navarra, polo custo que lles supón esta obrigación.
5.- Quedan prohibidas ata o 31 de decembro de 2030 as adquisicións de vivenda a toda entidade, xurídica ou non, por un prezo inferior ao 70 % do seu valor de taxación de mercado e tamén a aquelas persoas xurídicas que teñan a condición legal de "gran posuidor", é dicir os propietarios de máis de dez vivendas e de cinco ou máis vivendas se estas se atopan en zonas declaradas de mercado residencial tensionado.
Quedan excluídos os entes e entidades do sector público cuxa finalidade sexa a promoción e xestión de vivenda social e alcanzable e as adquisicións destinadas a vivenda habitual a prezo alcanzable ou social durante un mínimo de sete anos (cinco no anterior decreto) e a residencias sociais e sociosanitarias.
6.- Os alugueiros turísticos tributarán cun 10 % do IVE a partir do 1 de decembro de 2026.
7.- Tamén se lles permite aos concellos, nos municipios situados en zonas tensionadas, establecer unha recarga de ata o 50 % do IBI aos inmobles residenciais destinados a aloxamentos turísticos.
Esta recarga poderá alcanzar o 100 % cando se trate de titulares de dous ou máis inmobles residenciais destinados a ese uso e o 150 % cando sexan titulares de catro ou máis.
8.- Reducións fiscais, con efecto tamén desde este xoves, para caseiros que non sexan grandes posuidores e rebaixen a renda máis do 5% respecto ao contrato anterior, nunha pinza de porcentaxes que vai do 15 % ao 100 %, segundo diversos supostos.
9.- Dedución para inquilinos do 10 % no IRPF polas cantidades pagas no ano polo alugueiro da vivenda habitual para contribuíntes que gañen menos de 33.007,20 euros anuais.
Se gañan ata 23.007,20 euros ao ano, pódese aplicar a dedución do 10 % sobre un máximo de 11.630 euros de alugueiro (é dicir, ata 1.163 euros de dedución).
Se gañan entre 23.007,20 e 33.007,20 euros, ese límite de 11.630 euros vaise reducindo aos poucos e, por cada euro que a renda supere os 23.007,20 euros, o límite baixa 1,163 euros.
10. Préstamos do ICO, sen xuros nin comisións, de ata 50.000 euros, para a entrada na compra da primeira vivenda (20 % do valor), cun período de carencia ata que finalice o pago da hipoteca ou un máximo de 30 anos e do que se dispoñerá dun prazo de 10 anos para o seu reintegro.
Un acordo do Consello de Ministros regulará os seus obxectivos, beneficiarios e límites.
O Goberno xa habilitou un crédito extraordinario de 10.000 millóns de euros para o seu financiamento.
As vivendas adquiridas con estes préstamos quedarán suxeitas permanentemente a un prezo máximo de transmisión.
11.- Establécese un gravame especial para as socimi (Sociedades Anónimas Cotizadas de Investimento no Mercado Inmobiliario) do 25 % dos beneficios non distribuídos procedentes da actividade de arrendamento ou cesión de uso residencial, incluídos os aloxamentos turísticos e de curta duración, na parte correspondente a rendas que non tributasen ao tipo xeral do Imposto sobre Sociedades nin estean acollidas ao período de reinvestimento previsto.
O gravame redúcese nun 50 % cando máis do 80 % do parque de vivendas en arrendamento sexa alcanzable, ou nun 100 % cando, ademais, o beneficio non distribuído se reinvista en tres anos en vivendas destinadas ao alugueiro alcanzable.
12. Os concellos poderán cobrar unha recarga do 50 % do IBI (Imposto de Bens Inmobles) ás casas que leven pechadas sen causa xustificada máis de dous anos, se non están en zona declarada tensionada e pertencen a titulares de catro ou máis inmobles de uso residencial.
A recarga poderá ser de ata o 100 % cando o período de desocupación sexa superior a tres anos.
Ademais, os concellos poderán aumentar a porcentaxe de recarga en ata 50 puntos porcentuais adicionais en caso de inmobles pertencentes a titulares de dous ou máis inmobles de uso residencial que se atopen desocupados no mesmo termo municipal.
No caso de municipios situados nunha zona de mercado residencial tensionado, os concellos poderán esixir unha recarga do 50 por cento nas vivendas baleiras desde hai dous anos e do 100 % no caso de titulares de catro ou máis inmobles.
Cando o período de desocupación sexa superior a tres anos, poderán aumentar a porcentaxe de recarga en ata 50 puntos porcentuais adicionais no caso de inmobles pertencentes a titulares de catro ou máis vivendas.
13.- O novo decreto crea o Fondo de Vivenda de Impacto Social, adscrito ao Ministerio de Vivenda, para financiar a promoción de vivenda de impacto social por parte de provedores sociais, cunha dotación inicial de 400 millóns de euros.
14.- Tamén regula a publicidade, promoción e oferta de arrendamentos de vivenda, de forma todo anuncio deberá incluír o índice de referencia do prezo do alugueiro de vivenda, o límite de renda aplicable nos ámbitos suxeitos a limitación legal, así como a condición de gran posuidor do arrendador, cando cumpra.
15.- Establécese que terá consideración de vivenda alcanzable aquela cuxas condicións de prezo de venda ou alugueiro, incluídos todos os gastos asociados ao mesmo, non supere o trinta por cento da renda media da unidade de convivencia habitual do municipio no que se sitúe o inmoble.
16.- Fixa unha limitación permanente do prezo de venda das vivendas de titularidade de Casa 47 e regula de forma definitiva o traspaso da inmobles propiedade da Seguridade Social.
17.- Crea a Conta de Aforro e Investimento Financia Europa, cuxa finalidade é canalizar o aforro dos fogares españois cara aos mercados de capitais europeos, especialmente cara a empresas e activos vinculados á Unión Europea e ao Espazo Económico Europeo.