Os Estados Unidos dispóñense a despregar 3.000 soldados de elite en Oriente Medio
Segundo distintos medios, Washington estuda levar adiante operacións terrestres
Trump asegura que Irán lle deu "un agasallo moi grande" relacionado co estreito de Ormuz, pero non quixo dar detalles
Israel di que controlará o sur libanés ata o río Litani e as pontes que o atravesan
Imaxe de aquivo de tropas dos EUA. Reuters
EUA vai enviar a Oriente Medio á 82ª División Aerotransportada de infantería, uns 3.000 soldados, aínda que de momento non se tomou unha decisión que implique un despregamento en territorio iraniano, segundo informan diversos medios locais.
A correspondente xefe de Seguridade Nacional da canle Fox News, Jennifer Griffin, asegurou na rede social X que o comandante da 82 Aerotransportada, xeneral Brandon Tegtmeier, recibiu a orde de despregarse en Oriente Medio, "mentres o Pentágono e a Casa Branca avalían a posibilidade" de que estes efectivos leven a cabo posibles operacións terrestres.
O rotativo The New York Times xa adiantou o luns que Washington sopesaba enviar a esta división á rexión.
Especúlase coa posibilidade do despregamento de tropas na illa de Jarg
Desde hai días especúlase coa posibilidade de que Washington realice despregamentos de soldados en puntos como a illa de Jarg, onde está o principal centro petroleiro de Irán, ou outros puntos do territorio iraniano para realizar distintas misións, unha decisión que podería deparar un rexeitamento destacable por parte da opinión pública, segundo mostran algunhas sondaxes.
O 55% dos estadounidenses en contra do envío de tropas a Irán
Unha enquisa de Reuters e Ipsos amosa que o 55% de estadounidenses está en contra dun despregamento de tropas en Irán, mentres que un 34% apoiaría só o envío dun pequeno operativo, con só un 7% a favor dun gran continxente sobre o terreo.
Representantes da República Islámica negaron que se teñan producido contactos directos con Washington.
Trump, convencido dun acordo entre Washington e Teherán
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, dixo este martes que Irán lle fixo ao seu país "un agasallo moi grande" ligado ao estreito de Ormuz, aínda que o mandatario non quixo dar máis detalles ao respecto.
Durante a cerimonia para que o novo secretario de Seguridade Nacional, Markwayne Mullin, xurase o cargo, Trump amosouse convencido de que Irán vai alcanzar "un acordo" no marco das conversacións que o mandatario asegura que están a manter Washington e Teherán porque na república islámica produciuse "un cambio no réxime".
Trump asegurou que tras matar a varias figuras da cúpula iraniana, entre eles o líder supremo Alí Jameneí, os actuais representantes iranianos "son moi diferentes comparado cos que empezamos a negociar, e que crearon todos estes problemas".
"Van chegar a un acordo. Onte fixeron algo que foi asombroso. De feito, fixéronnos un agasallo, e o agasallo chegou hoxe. Foi un agasallo moi grande, dun valor económico tremendo. Non lles vou a dicir que agasallo é, pero foi un premio moi significativo. E déronnolo. Dixeron que nolo darían e fixérono", asegurou Trump.