España supera os dez millóns de contaxiados dende o inicio da pandemia
A incidencia acumulada nos últimos catorce días por 100.000 habitantes sitúase en 2.694,44
Galicia supera as 700 persoas hospitalizadas, e seguen baixando os casos activos

As comunidades autónomas notificaron este martes ao Ministerio de Sanidade 40.133 novos casos de covid–19. A cifra total de contaxios en España elévase xa a 10.039.126 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais. A incidencia acumulada nos últimos catorce días por 100.000 habitantes sitúase en 2.694,44, fronte a 2.879,95 onte.
No informe deste martes engadíronse 408 novos falecementos. Ata 93.633 persoas con proba diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou a España, de acordo cos datos recollidos polo Ministerio.
Actualmente, hai 18.087 pacientes ingresados e positivos en coronavirus en toda España e 2.054 en UCI . Nas últimas 24 horas, producíronse 1.874 ingresos e 2.524 altas.
A taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase no 14,52 % e nas UCI no 21,71 %. Entre o 22 e o 28 de xaneiro, as comunidades autónomas realizaron 1.774.728 probas diagnósticas, das cales 664.541 foron PCR e 1.110.187 tests de antíxenos, cunha taxa global por 100.000 habitantes de 3.773,91.
A taxa de positividade sitúase no 35,83 %. A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda que este dato se atope por baixo do 5 por cento para considerar como controlada a propagación do virus.