Publicador de contidos

Publicador de contidos

España propón un embargo á venda de armas a Israel para deter a guerra en Gaza

España propón un embargo á venda de armas a Israel para deter a guerra en Gaza

O ministro de Asuntos Exteriores formulou a proposta no inicio do cume do Grupo de Madrid

O encontro reúne representantes de 20 países europeos e árabes que promoven a solución dos dous Estados

Albares este domingo en Madrid. EFE/J.J. Guillén Albares este domingo en Madrid. EFE/J.J. Guillén
G24.gal 25/05/2025 20:03 Última actualización 25/05/2025 21:51

O ministro español de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, defendeu este domingo poñer en marcha un "embargo" á venda de armas a Israel para exercer presión sobre o primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, e deter a guerra en Gaza.

Albares formulou a proposta no inicio do cume do Grupo de Madrid, que reúne na capital de España representantes de 20 países europeos e árabes que promoven a solución dos dous Estados como vía para superar este conflito en Oriente Próximo.

O mandatario sinalou que no encontro vai poñer accións concretas enriba da mesa, a primeira delas a suspensión inmediata do "Acordo de Asociación entre a UE e Israel", que se fundamenta no seu artigo, baseado no respecto aos dereitos humanos.

"Todos temos que poñer en marcha un embargo de armas, non pode haber venda de armamento a Israel", agregou o titular de Exteriores, quen pediu que se revise a lista nacional de sancionados individuais que ten cada país e a UE.

Albares indicou ademais que pedirá aos asistentes que a Conferencia das Nacións Unidas do vindeiro 17 de xuño sexa "un gran movemento" de recoñecemento do Estado palestino para que aqueles países que non o fixeron dean o paso que xa deu España hai un ano.

"O único interese que temos todos os que nos reunimos hoxe aquí é parar esta guerra inxusta, cruel, inhumana, de Israel en Gaza, romper o bloqueo de axuda humanitaria e avanzar definitivamente cara á solución de dous Estados", proclamou.

Albares subliñou que o silencio nestes momentos ante o que está a ocorrer na franxa de Gaza é "cómplice".

Nesta segunda reunión do Grupo de Madrid participan os ministros de Exteriores dunha vintena de países árabes e europeos, entre eles Alemaña, o Reino Unido, Francia e Italia, ademais do Brasil.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade