Publicador de contidos
Publicador de contidos

España destinará 20 millóns de euros en axudas para a UNRWA

España destinará 20 millóns de euros en axudas para a UNRWA

Albares lamentou que a guerra en Gaza "alcanza cifras absolutamente insoportables"

Lazzarini valorou a axuda de España, que supón "unha mensaxe clara de solidariedade"

Philippe Lazzarini e José Manuel Albares na conferencia de prensa celebrada en Madrid (Reuters) Philippe Lazzarini e José Manuel Albares na conferencia de prensa celebrada en Madrid (Reuters)
G24.gal 07/03/2024 19:41

O Goberno fará unha nova contribución de 20 millóns de euros á axencia da ONU para os refuxiados palestinos (UNRWA), para así apoiar o seu "crucial labor humanitario en Gaza".

"Non podemos permitirnos que UNRWA deixe de facilitar alimentos e educación", expresou o ministro de Asuntos Exteriores José Manuel Albares despois de reunirse co Comisionado Xeral de UNRWA Philippe Lazzarini, quen agradeceu a chegada de fondos nunha conferencia de prensa conxunta celebrada en Madrid.

España realizou unha achega de 3,5 millóns de euros á UNRWA despois de que 16 países, entre eles os EUA, Canadá e Alemaña, suspendesen as súas contribucións. Israel acusou doce membros da organización na Franxa de Gaza de participaren nos ataques de Hamas do 7 de outubro, ao que esa axencia respondeu rescindindo os seus contratos e abrindo una investigación.

Albares destacou que a primeira achega de 3,5 millóns de euros, aprobada polo Consello de Ministros este pasado martes, chegará á conta da axencia "nos próximos días". O segundo paquete de 20 millóns de euros farao nun único pagamento, nunhas "catro a seis semanas".

Como detallou o ministro de Asuntos Exteriores, sairán das contas da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), uns fondos non condicionados. As achegas económicas destinaranse a prover axuda alimentaria, educación e saúde aos refuxiados palestinos.

Tras cinco meses dende o inicio do conflito, Albares lamentou que a guerra en Gaza "alcanza cifras absolutamente insoportables" e advertiu de que "o silencio e a inacción van sempre en contra das vítimas".

O ministro apuntou tamén a que o labor de UNRWA é "insubstituíble" e lembrou que a axencia das Nacións Unidas asiste a preto de seis millóns de refuxiados palestinos en Gaza, Cisxordania, o Líbano ou Siria, polo que a axuda, explicou, é "unha cuestión literalmente de vida ou morte".

Lazzarini valorou a axuda de España, que supón "unha mensaxe clara de solidariedade" para os refuxiados palestinos. Engadiu que "máis aló" da achega monetaria de 20 millóns de euros, tamén lanzou unha mensaxe para que os países que retiraron o financiamento "volvan contribuír á axencia".

Considerou que España amosa "liderado" e subliñou que a UNRWA destinará esa achega a manter escolas abertas para medio millón de nenos e tamén para garantir a atención sanitaria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade