Publicador de contidos

Publicador de contidos

Entra en vigor a tregua unilateral rusa con motivo do Día da Vitoria

Entra en vigor a tregua unilateral rusa con motivo do Día da Vitoria

Moscova suspende durante 48 horas as accións militares mentres medra a tensión por posibles ataques sobre a capital rusa

Ensaios para a celebración do Día da Vitoria en Moscova. REUTERS/Shamil Zhumatov Ensaios para a celebración do Día da Vitoria en Moscova. REUTERS/Shamil Zhumatov
G24.gal 07/05/2026 23:35

A tregua unilateral de 48 horas declarada polo presidente ruso, Vladímir Putin, con motivo do Día da Vitoria entrou en vigor na medianoite deste xoves, sen que aínda se saiba se finalmente Ucraína a secundará.

O Ministerio de Defensa ruso asegurou que as súas tropas suspenderán “todas as accións militares” ata que conclúan o sábado as celebracións polo 81 aniversario da vitoria do Exército Vermello sobre a Alemaña nazi.

Segundo explicou Defensa, o cesamento das hostilidades inclúe a suspensión provisional dos bombardeos con mísiles, armamento de alta precisión e longo alcance e pezas de artillería.

A medida tamén afecta os ataques con drons de asalto contra infraestruturas inimigas.

Moscova ameaza con atacar Kiev se Ucraína altera a festividade

Moscova advertiu ás autoridades ucraínas de que, se intentan alterar a festividade máis importante para os rusos, lanzará “un ataque masivo con mísiles contra o centro de Kiev”.

As autoridades rusas recomendaron por iso aos habitantes e ao persoal diplomático abandonar a capital ucraína.

O Goberno ruso acusa o presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, de ameazar con atacar Moscova con drons coincidindo co 9 de maio.

Zelenski asegurou este luns durante a cimeira da Comunidade Política Europea en Armenia que Rusia anunciou un desfile sen equipamento militar.

“Se isto ocorre será a primeira vez en moitos, moitos anos. Non poden permitirse equipamento militar e temen que os drons poidan sobrevoar a Praza Vermella”, afirmou o mandatario ucraíno.

Confusión sobre a postura ucraína

Sobre a tregua rusa, Zelenski contribuíu este xoves á confusión ao asegurar que “Ucraína actuará de forma xusta, día a día”.

“Rusia segue matando xente ao tempo que está obsesionada de forma totalmente irracional cunhas poucas horas de tregua nunha zona de Moscova”, afirmou o líder ucraíno.

Zelenski si apoiara en abril a tregua pola Pascua ortodoxa.

O Kremlin anunciou este xoves que adoptará medidas adicionais de seguridade para protexer Putin durante estes días.

O presidente ruso recibirá ao primeiro ministro eslovaco, Robert Fico, aínda que finalmente non asistirá á parada militar na Praza Vermella.

Segundo informou o Kremlin, só tres líderes estranxeiros acudirán ao desfile do sábado: os mandatarios de Belarús, Malaisia e Laos.

O pasado ano, aínda que ambas as partes non pactaron unha tregua polo Día da Vitoria, Kiev respectou a celebración e Moscova organizou sen incidentes o desfile polo 80 aniversario da vitoria na Gran Guerra Patria, ao que asistiron arredor de trinta líderes mundiais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade