Enfermeira saturada: "Esta vaga afecta máis á atención primaria, que está ao límite"
O sanitario e escritor Héctor Castiñeira augura un incremento de contaxios despois das festas
Ve factible unha cuarta dose o vindeiro inverno ou unha vacina combinada da gripe e da covid
O enfermeiro, escritor e alter ego da conta de Twitter Enfermeira Saturada, augura un incremento de positivos cando rematen as festas. Nunha entrevista no espazo Bos Días da Televisión de Galicia, Héctor Castiñeira lembra que Galicia está a rexistrar as cifras máis altas de toda a pandemia, polo que o persoal sanitario se mantén expectante.
“Estamos seguros de que canta máis xente se contaxia, ao final, unha porcentaxe pequena acabará ingresando. As vacinas están facendo moi ben o seu traballo pero estamos poñéndoas ao límite”.
Respecto á situación da atención primaria, asegura que se atopa "ao límite" e os centros de saúde “están baixo mínimos”.
“Non sei como os compañeiros de atención primaria dan feito malia a escaseza de persoal e desa presión para facer tests e atender consultas. Estamos vendo que esta vaga non está afectando tanto os hospitais senón a atención primaria”.
Amósase convencido de que a poboación relaxouse ao comprobar que as vacinas funcionan. De feito, subliña que con este nivel de positivos ao inicio da pandemia “non habería hospitais suficientes en todo o país” para atender doentes, nin sequera medicalizando os hoteis.
“A relaxación vén por aí, estamos vacinados, tranquilos, vemos que non se traduce en ingresos e que a maioría está na casa con paracetamol (…). E esa relaxación mesturouse cunha variante moi contaxiosa que é a ómicron”.
"Principio da fin"
Segundo Héctor Castiñeira, o mundo científico baralla a posibilidade de que grazas ás vacinas e á transmisibilidade da nova cepa poderiamos estar ante "o principio da fin da pandemia". Porén, advirte, “hai moitos escenarios posibles” e aínda “é cedo para vaticinar”.
O que ve máis factible é a administración dunha cuarta dose da vacina o vindeiro inverno ou unha nova fórmula na que están a traballar as empresas farmacéuticas.
“É un soro combinado da gripe e da covid (…) de xeito que o inverno que vén teñamos a vacina de todos os anos da gripe pero co virus da covid incorporado (…) e cunha soa picada teñamos esa protección dobre”.
O seu desexo para o 2022 é “que remate a pandemia, que nos esquezamos das máscaras, que volvamos á nosa vida de antes e que nos hospitais poidamos seguir coa actividade normal”, conclúe.