Xulgan un mozo en Lugo por agredir sexualmente dúas menores
O acusado enfróntase a unha pena de 13 anos de prisión, penas que piden a Fiscalía e acusación particular
A súa defensa pide a libre absolución; o acusado nega os feitos
O acusado chegou á Audiencia desde o cárcere, onde cumpre condena por outra causa. Hoxe sentaba no banco dos acusados por dous delitos de agresión sexual a dúas menores. Os feitos ocorreron en xuño do 2021 no domicilio do acusado. Vítimas e acusado tiñan unha relación de amizade.
Segundo o escrito da Fiscalía, o mozo invitounas á súa casa, recibiunas en roupa interior e unha vez dentro propúxolles manter relacións sexuais entre os tres, pero negáronse ambas. Nese momento prodúcese a agresión a unha delas, a máis pequena, de 15 anos, á que violou. As dúas declararon a porta pechada.
Fiscalía e acusación particular pídenlle 13 anos de prisión, a prohibición de achegarse ás vítimas a menos de 500 metros e de comunicarse con elas durante dez anos. Liberdade vixiada tras cumprir condena, e inhabilitación para exercer calquera profesión que implique o contacto con menores. E debe indemnizar economicamente as vítimas.
Pola súa banda, a defensa pide a libre absolución. O acusado nega os feitos. O xuízo continúa o xoves coa declaración do acusado.