Empresas, transportistas e Xunta piden unha solución nos dous sentidos da A-6
O desvío que propón o Ministerio permite reducir os quilómetros e os tempos pola nacional, pero a solución só é para a circulación sentido Madrid
O desvío que se propón o Goberno para liberar o centro de Pedrafita do tráfico da A-6 permite reducir os quilómetros e os tempos pola nacional, pero a solución só é para a circulación en sentido Madrid, non para o traxecto cara a Galicia.
Empresas e transportistas reclaman unha solución para os dous sentidos da circulación, xa que coa actual o tráfico en sentido A Coruña tería que seguir atravesando o centro urbano de Pedrafita. A proposta actual consiste en pór en servizo máis tramos da A-6, tramos que se conectarían á nacional sexta cunha rampla de acceso.
Pero esta solución non é viable nas dúas direccións pola orografía do terreo. Para a Xunta a proposta é insuficiente e incompleta xa que non resolve os problemas de tráfico en Pedrafita nin atende as demandas do transporte especial.
Co colapso do viaduto da A-6, recuperouse a Nacional VI coma vía de conexión de Galicia coa meseta. Isto supón o paso diario de 10.000 vehículos por Pedrafita. "E moi complicado e agora que chega o verán vai ser unha lea", di un camioneiro.

A prioridade é liberar a vila deste tráfico. O Goberno quere abrir máis tramos da A-6 e conectalos cunha rampla de acceso á nacional, para acurtar tempos e quilómetros.
Pero a solución so é posible nun só sentido, dirección Madrid e non lle dá solución ao transporte especial. Os empresarios reclaman outra alternativa para non seguir perdendo competitividade.
"Ten o aspecto de que isto vai durar moito tempo e vai xerar moitos prexuízos as nosas empresas non so ao transporte tamén as de manufacturación, vai provocar unha perda de competitividade por eses atrasos nas entregas e saída de mercadoría de Galicia", di Jaime López, da Confederación de Empresarios de Lugo.

Tampouco convence a Xunta, que lle pide ao Goberno que teña en conta as súas alternativas: "Un ramal directo entre a nacional sexta e a autovía para facilitar de forma fluída e completa a mobilidade tanto dilección Madrid como Coruña e para todo o tráfico, unha alternativa que podería estar a disposición dos usuarios en tres meses", explica a conselleira Ethel Vázquez.
Insiste niso o presidente da Xunta, que cre que a alternativa que propón o Ministerio é decepcionante porque non soluciona, di Alfonso Rueda, o principal problema da derruba: a circulación das grandes mercadorías.
O Goberno comprometeuse a estudar as alternativas e avanzar nas causas do derrubamento. Os primeiros informes descartan que se debese á tipoloxía de viaduto.