Empate insuficiente do Arenteiro en Barakaldo (1-1)
Os galegos refixéronse despois de apañar un gol, pero a igualada déixaos a dez da salvación
Foto: @CD_Arenteiro
Ao Arenteiro esgótaselle o tempo para intentar saír da situación sumamente delicada na que se atopa. O conxunto de Juanfran, pechacancelas da Primeira Federación, ten por diante unha misión titánica para salvar a categoría.
En Lasesarre acadou sobre o papel un bo resultado. Un empate diante dun conxunto que comezaba a xornada nos postos de promoción de ascenso. Os vascos, ademais, adiantáronse aos 18 minutos cun gol de Sabin Merino.
Reaccionou ben o Arenteiro, que foi quen de acadar o empate. Fíxoo nunha internada pola banda, e cun centro de Jordan que aproveitaba Bilal para igualar o partido.
Na segunda metade o Arenteiro buscou culminar a remonta, pero o marcador xa non se moveu, deixando aos do Carballiño a 10 puntos da salvación, un máis que ao comezo da xornada, e con so seis partidos por diante. O Barakaldo cae dos postos de promoción. É sexto con 48 puntos.