Elévase a 4.561 a cifra de mortos polo dobre terremoto de xuño en Venezuela
A cantidade de feridos mantense en 16.740
Un home fai un tunel para buscar os corpos da súa filla e o seu xenro en La Guaira. REUTERS/Gaby Oraa
Venezuela sumou este luns outros 71 mortos polo dobre terremoto do pasado 24 de xuño, o que elevou a cifra de falecidos ata, polo menos, 4.561, informou o presidente do Parlamento, o chavista Jorge Rodríguez.
A cantidade de feridos e de persoas sen vivenda mantense en 16.740 e 17.907, respectivamente, segundo o balance difundido nas redes sociais polo deputado e irmán da presidenta encargada do país, Delcy Rodríguez.
A actualización do informe tamén sinalou que 128.324 familias foron atendidas e que hai 20.231 persoas nun total de 107 campamentos transitorios habilitados, principalmente en escolas de Caracas e dos estados próximos de Miranda e La Guaira, a rexión máis afectada polo desastre natural.
O balance oficial das autoridades venezolanas segue sen incluír información actualizada sobre persoas desaparecidas.
O Goberno informou esta fin de semana do comezo dun censo biométrico para saber cantas vivendas son necesarias, aínda que xa estima que poderían ser 25.000.
O presidente do Parlamento anunciou ademais o sábado, nunha rolda de prensa, que a xefa do Estado entregará as primeiras 200 vivendas esta semana, aínda que sen entrar en detalles.
Desde o pasado 24 de xuño producíronse 1.254 réplicas, segundo o Goberno.
Unha das máis sentidas ocorreu o pasado venres pola mañá, cando se rexistrou un sismo de magnitude 3,9 a 10 quilómetros ao nordeste de Naiguatá, no estado de La Guaira, o máis afectado polo dobre terremoto.
A réplica provocou pánico entre a poboación e evacuacións en edificios por prevención.