Dúas ofertas de emprego público reforzarán os centros sanitarios con 123 traballadores
Cen das prazas que se prevén convocar son de difícil cobertura, entre as que hai 41 de especialistas para hospitais comarcais, 32 para pediatras de Atención Primaria e 27 para médicos de urxencia
O Consello da Xunta aprobou este luns a convocatoria de dúas novas ofertas de emprego público (OPE) para 2025 para poder reforzar o persoal dos centros sanitarios. En vanse convocar 123 prazas, das que 100 son das cualificadas como de difícil cobertura e esgota a taxa máxima de reposición de efectivos autorizada pola lexislación básica do Estado, que é do 120 %.
Desas 100 prazas, 41 serán para especialistas destinados en hospitais comarcais, 32 para pediatras de atención primaria, e 27 para médicos de urxencia.
As 23 prazas da segunda oferta serán 10 para subinspectores sanitarios, sete para inspectores médicos, cinco para farmacéutico e inspector de saúde pública e unha para biólogo.
Ademais a xuntanza do Consello tamén deu luz verde a convocar outras 54 prazas correspondentes ás OPE de 2022, 2023 e 2024.
Tamén no ámbito da saúde autorizouse que o alumnado dos ciclos de FP Dual de Laboratorio clínico e biomédico e de Dirección de cociña fagan prácticas nos hospitais públicos. A partir do vindeiro curso 44 estudantes poderán facer as prácticas nos complexos hospitalarios das sete cidades. O investimento previsto é de 750.000 euros.