Dous policías feridos e dous detidos nunha pelexa grupal en Pontevedra
Tres individuos da zona enfrontáronse cun grupo que celebrara a comida de Nadal nun local de hostalaría
O sindicato policial CEP pon esta agresión como exemplo da necesidade dunha Unidade de Prevención e Reacción en Pontevedra
Víase vir porque, segundo se comenta, ían buscando foliada e arremeteron contra un grupo que celebraba a festa de nadal da empresa.
"Algúns se coñecían e xa tiñan algunha cousa entre eles e entre que algúns estaban bébedos...", sinala o propietario dun bar.
"Estiveran comendo e despois achegáronse a un segundo establecemento a tomar unhas copas e os outros entraron a saco, dicindo vós non sodes de aquí, ...., a puñadas con uns e con outros... un despropósito", engade unha veciña que evita dar a cara.
A pelexa empezou na praza central de Cabaleiro, onde se concentran os locais de hostalaría da parroquia pontevedresa de Campañó, e desprazouse ata o campo da festa. Aí houbo de todo, mesmo golpes contra a propia policía.
"Daban a diestro e sinistro á policía; o primeiro que pillaban po banda, levaba, e mesmo un ao que meteron no coche e escoitábanse dende dentro do coche, puñadas... estaban fóra de si completamente", asegura a muller.
Dous detidos e dous policías feridos.
"Mallaron cun golpe nun ollo a un dos axentes e tiveron que detelos nunha situación moi complexa na que mesmo tiveron que usar a pistola eléctrica en contacto directo para producir unha descarga e que deixaran de agredir aos policías", explica José Javier Martínez, Secretario de Comunicación da CEP en Galicia
Un dos axentes, con máis de trinta anos de servizo, está de baixa. O sindicato CEP toman esta agresión coma exemplo para denunciar a falta dunha unidade de Prevención e Reaccion en Pontevedra para actuar en situacións deste tipo.