Dous mozos salvan dun incendio unha veciña nonaxenaria en Ferrol
O lume comezou nunha tixola na cociña do piso, na rúa Pardo Baixo
Un camareiro e un veciño escoitaron os berros de auxilio e foron ao rescate
Eran as tres e media da tarde cando Luis apagou a tele para escoitar os berros que chegaban da rúa. Unha veciña pedía auxilio desde este portal. Súa nai estaba no terceiro andar e corría perigo.
"Estaba co pixama posto na casa, pero baixei rápido para ver que pasaba. A veciña dixo que había unha muller que afogaba no terceiro piso. Foi entón cando o camareiro do Zahara e eu subimos e vimos que o que pasaba era que había un incendio", explica Luis Fernando Meza.
Malia que non vían as lapas, o fume era intenso e a muller estaba asustada. Así e todo baixárona a pulso pola escaleira.
"Teño os brazos rabuñados porque a muller era moi maior e estaba moi asustada, se agarrou moito mentres a baixabamos porque non camiñaba".
Luis e o camareiro do restaurante non dubidaron en arriscar a súa vida para salvar a veciña, unha muller moi maior con problemas de mobilidade.
"Nese momento non pensas en se respiras fume ou te queimas, só pensas que hai unha persoa en perigo e que podes axudar".
Cando os bombeiros de Ferrol chegaron, nai e filla estaban a salvo na rúa. Por sorte todo quedou nun susto, para elas e para as veciñas do edificio que foron desaloxadas por precaución.
"Avisaron do lume, non sabiamos ben o que pasaba pero vestín á señora que coido e saímos. Menos mal que non pasou nada, nestas casas vive xente maior e son pisos moi vellos, se hai lume arden como papel", explica Julia, a coidadora da veciña do primeiro.
Cando os bombeiros de Ferrol chegaron, nai e filla estaban a salvo na rúa. Por sorte todo quedou nun susto, para elas e para as veciñas do edificio que foron desaloxadas por precaución.