Dous homes detidos en Coles cun caso de violencia machista de fondo
Un dos homes foi detido por saltarse unha orde de afastamento da súa exparella
O outro é o dono do piso onde reside a muller, o home enfrontouse ao presunto agresor e acabou detido por ameazas
Dous homes foron detidos en Coles, na provincia de Ourense, ao presentarse un deles na casa da súa exparella, onde se enfrontou ao dono da vivenda tras ameazar á muller.
Segundo informa a Garda Civil, os dous homes ameazáronse con armas brancas despois de que o exmarido da muller accedese á casa e a ameazase.
O dono, que non ten relación persoal coa muller, segundo o instituto armado, tratou de mediar ao escoitar a discusión.
Por estes feitos, a Garda Civil detivo ao propietario da vivenda por ameazas e á exparella da muller por ese mesmo delito e outros dous: incumprir unha orde de afastamento e por violación de morada.