Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dous días libres ao mes e "xornadas extenuantes": tres detidos por explotar persoas sen papeis para coidar unha anciá

Dous días libres ao mes e "xornadas extenuantes": tres detidos por explotar persoas sen papeis para coidar unha anciá

As mulleres debían aboar do seu propio peto o pago a unha substituta se necesitaban un día libre e recibían un salario "precario"

G24.gal 24/03/2026 13:47

A Policía Nacional detivo tres mulleres acusadas de explotar laboralmente persoas estranxeiras en situación irregular para coidar unha anciá dependente no municipio ourensán do Barco.

As afectadas traballaban como internas e eran sometidas a "xornadas extenuantes" por un salario por baixo do mínimo legal, contando, ademais, só con dous días libres ao mes.

Así, os axentes consideran as detidas (as dúas responsables dun negocio e un familiar da anciá) presuntas autoras dun delito contra os dereitos dos traballadores, así como dun delito contra os dereitos das persoas estranxeiras. Polo momento, hai sete vítimas identificadas.

A operación policial comezou en decembro de 2025, tras a denuncia interposta por unha traballadora dunha empresa de servizos de coidado a domicilio. Segundo as pescudas, os responsables desta empresa captaran cidadás estranxeiras que se atopaban en España en situación irregular para empregalas como coidadoras internas dunha muller maior e dependente no Barco de Valdeorras.

As vítimas eran sometidas a condicións laborais que vulneraban gravemente a normativa vixente, caracterizadas por "xornadas extenuantes" en que unicamente se lles permitía gozar de dous días libres ao mes.

Ademais, o sistema de descanso estaba suxeito a penalizacións económicas, xa que, se unha traballadora necesitaba días adicionais, a empresa esixíalle abonar do seu propio peto o salario da súa substituta.

Todo iso, informa a Policía, complementábase cunha "retribución precaria", xa que percibían un salario "moi por baixo" do mínimo interprofesional.

A investigación, que incluíu a toma de declaracións e unha actuación conxunta coa Inspección de Traballo de Ourense, confirmou que a empresa empregaba de forma sistemática cidadás estranxeiras carecedoras de autorización de residencia e traballo. O pasado día 16 de marzo levouse a cabo o rexistro da oficina da empresa e interveuse abundante documentación. Procedeuse á detención das dúas responsables.

Continuando coas dilixencias, o pasado día 18 de marzo foi detida unha terceira persoa, familiar da persoa beneficiaria dos coidados.

Así, os axentes puideron determinar que esta persoa "non só contrataba os servizos e permitía as condicións abusivas dos mesmos", senón que "en ocasións promovera por si mesma e sen a empresa como intermediaria, a chegada de traballadoras estranxeiras en situación ilegal para realizar eses traballos". As tres detidas foron postas en liberdade tras prestaren declaración.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade