Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dirixentes territoriais de Podemos apertan para que se chegue a un acordo con Sumar

Dirixentes territoriais de Podemos apertan para que se chegue a un acordo con Sumar

Representantes dos morados en Madrid, Valencia, Estremadura e Navarra din que é o único xeito de "parar a dereita"

G24.gal 07/06/2023 19:43 Última actualización 07/06/2023 21:53

Dirixentes territoriais de Podemos na Comunidade de Madrid, Comunidade Valenciana, Estremadura e Navarra avogaron este mércores pola confluencia da súa formación con Sumar para as próximas eleccións xerais do 23 de xullo.

A través de diversos medios, chamaron a facer autocrítica, asumir "responsabilidades" nalgúns casos e aprender a lección das experiencias vividas en anteriores citas electorais, como a última do 28 de maio ou os comicios en Andalucía en 2022.

A candidata de Podemos-EU-Alianza Verde á Presidencia da Comunidade de Madrid nas últimas eleccións Alejandra Jacinto pediu “unidade” ás forzas políticas á esquerda do PSOE tomando como referencia o ocorrido na rexión nas eleccións do 28M, ás que Más Madrid e Podemos acudiron por separado e non foron capaces de “frear a dereita”.

Jacinto referiuse así nunha reflexión no seu blog ao ocorrido nas últimas eleccións autonómicas, en que Podemos quedou fóra do arco parlamentario da Asemblea de Madrid ao non chegar ao 5 % dos votos necesarios.

“O PP perdeu voto. Obtivo maioría absoluta, si, pero perdeu voto. Creo que dariamos freado a dereita se conseguísemos a unidade das forzas progresistas á esquerda do PSOE. Unidade, non como fetiche, unidade non só como resultado; unidade como forma de facer política en común tanto dentro como fóra das institucións”, defendeu.

Ao seu xuízo, o resultado electoral do 28 de maio deixa esta conclusión e “aluma o camiño para seguir para a próxima cita electoral”. “Se sabemos ler o ocorrido, temos ante nós as pistas para escribir o futuro”, opinou.

Pola súa banda, militantes de Podem na Comunidade Valenciana impulsaron un manifesto en que reclaman integrarse "nunha confluencia ampla estruturada desde Sumar" e que haxa primarias de ámbito provincial para elixir os representantes desta formación nas candidaturas para as eleccións xerais do 23 de xullo.

Pediron ademais que se asuman de maneira inmediata responsabilidades polos "catastróficos" resultados do 28M.

Tamén a líder de Unidas por Estremadura Irene de Miguel se amosou segura de que finalmente haberá acordo entre Podemos e Sumar para as eleccións do 23 de xullo.

De Miguel referiuse nunha entrevista en Canal Extremadura a outro exemplo do que na súa opinión a formación violeta debería aprender. "Creo que o espectáculo que se está dando non é conveniente para nada. Creo que xa o vimos nas eleccións andaluzas e non podemos permitir erros dese tipo; entón eu creo que aqueles que non queiran unidade teñen que dar un paso á beira", opinou.

Por último, a líder de Podemos en Navarra e cabeza de lista da coalición Contigo Navarra Begoña Alfaro apuntou en declaracións aos medios este mércores que o acordo entre a formación violeta e Sumar "tiña que chegar hai meses" e consideraría unha "irresponsabilidade" que non houbese acordo para iren xuntos ás eleccións xerais.

"Se non se dá acordo, valoraremos que facer; sería unha irresponsabilidade porque poñería alfombra vermella á dereita", comentou Alfaro, quen precisou que Contigo Navarra está á espera de que se produza ese "ansiado acordo" no plano estatal para decidir como presentarse a estas eleccións na comunidade autónoma.

Más Madrid avala concorrer ás eleccións xerais con Sumar

O 96,11 % da militancia de Más Madrid avalou este mércores concorrer ás eleccións xerais coa plataforma Sumar da vicepresidenta segunda do Goberno Yolanda Díaz fronte a un 3,89 % que rexeitou esta decisión.

“A partir de mañá temos a responsabilidade de levar este resultado á mesa rexional do partido”, afirmou a secretaria de Organización, que tamén deu conta de que a intención de Más Madrid é organizar “espazos de traballo propios” para a campaña das eleccións xerais e manter a estrutura organizativa dos comicios rexionais e autonómicos do 28 de maio.

Esta votación non implica que o acordo con Sumar estea pechado, senón que se outorga á dirección de Más Madrid a potestade de negociar o seu encaixe na coalición liderada por Yolanda Díaz.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade