Dinamarca recuperará o pasaporte covid dous meses despois de levantar as restricións
Faino polo importante aumento do número de casos e de hospitalizacións
Avisa de que podería haber máis limitacións para os non inmunizados

O Goberno danés volverá considerar o novo coronavirus unha enfermidade crítica para a
sociedade e recuperará o uso do pasaporte covid, imprescindible no seu día para entrar en restaurantes ou museos.
Farao dous meses despois de eliminar as últimas restricións vixentes. O motivo? O importante aumento dos contaxios e dos ingresos hospitalarios, que se multiplicaron nas últimas semanas ata chegar a triplicarse e están en máximos desde mediados de febreiro.
Di a primeira ministra, Mette Frederiksen, que o incremento se produciu moi rápido.
As autoridades sanitarias prevían que habería máis casos e hospitalizacións, pero todo foi máis rápido do que pensabamos.
A medida, recomendada polo grupo epidemiolóxico que asesora o Executivo, vaise votar hoxe na correspondente comisión parlamentaria pero o Executivo socialdemócrata en minoría ten garantidos apoios abondos para sacala adiante.
Máis limitacións para os non vacinados
A mandataria danesa instou a poboación non inmunizada a vacinarse, afirmando que non hai escusa. Mette Frederiksen advertiu de que poderían aprobarse novas limitacións que lle afecten, das que non quixo dar detalles. O que descartou foi que se repita un peche da actividade económica e social como o que houbo nas primeiras vagas da pandemia.
Dinamarca convertíase o 10 de setembro nun dos primeiros países europeos en eliminar
todas as restricións, ao dar por controlada a situación e tendo en conta a alta porcentaxe de cidadáns inmunizados: segundo os últimos datos, 3 de cada 4 teñen a pauta completa.