Dimiten tres ministros gregos por unha suposta fraude con fondos agrícolas da UE
A renuncia dos titulares de Agricultura, Protección Civil e do viceministro de Sanidade obriga ao primeiro ministro a reestruturar o seu gabinete
A oposición pídelle a Mitsotakis que convoque eleccións: "A responsabilidade política dos escándalos, a corrupción e a podremia recae no propio Mitsotakis. Nestes casos, a solución téñena as urnas e o pobo"
Giannis Papanikos/ZUMA Press Wir/DPA
Dous ministros e un viceministro do Gobierno conservador de Grecia presentaron este venres a súa dimisión, despois de que a Fiscalía Europea (EPPO) solicitara ao Parlamento grego que lles retire a inmunidade para facilitar a investigación por unha suposta malversación de subsidios comunitarios ao sector agrícola.
Trátase do ministro de Agricultura, Kostas Tsiaras; o de Protección Civil e Crise Climática, Yannis Vardinoyannis; e o viceministro de Sanidade, Dimitris Vartzopulos, investigados os tres pola EPPO por feitos acaecidos en 2021 cando eran só deputados.
Tamén presentou a súa dimisión Kostas Skrekas, secretario xeral de Nova Democracia (ND), o partido do primeiro ministro Kyriakos Mitsotakis. Skrekas é un dos trece deputados conservadores para os que a EPPO solicita ao Parlamento levantar a súa inmunidade.
Un escándalo que obriga a Mitsotakis a remodelar o seu gabinete
A renuncia destes tres responsables políticos obriga ao primeiro ministro a reestruturar o seu gabinete. Unha crise de Goberno que xa adiantara Mitsotakis para esta tarde antes de que trascenderan as dimisións.
Para a oposición, non abonda con estes cambios: "As dimisións de ministros non son suficientes. A responsabilidade política dos escándalos, a corrupción e a podremia recae no propio Mitsotakis. Nestes casos, a solución téñena as urnas e o pobo", sinalou hoxe nun comunicado o partido esquerdista Syriza.
Nikus Andrulakis, presidente do maior partido de oposición, o socialista Pasok, pediu tamén este xoves no Parlamento convocar eleccións anticipadas debido ao escándalo.
A Fiscalía Europea pídelle ao Parlamento que lles retire a inmunidade
Esta mañá foron remitidas ao Parlamento os dous primeiros expedientes enviados a Grecia o pasado mércores pola EPPO.
O primeiro pide levantar a inmunidade de 11 deputados, entre os cales figuran os ministros que dimitiron, e o segundo informa sobre a posible implicación do exministro de Agricultura grego, Spilios Livanos (2021-2022) e de Fotiní Arabatzi, que exerceu como a súa viceministra.
"A investigación refírese a presuntos delitos contra os intereses financeiros da UE, concretamente instigación ao abuso de confianza, fraude informática e emisión de certificados falsos coa intención de obter para outro un beneficio ilícito", sinala a EPPO nun comunicado.
Este xoves, a EPPO enviou ás autoridades xudiciais gregas un terceiro expediente no que pide levantar a inmunidade doutros dous deputados conservadores, esta vez por atopar "indicios de instigación moral que constitúe un incumprimento do deber".
Desde o ano pasado, as autoridades gregas detiveron decenas de persoas que obtiveron de forma ilegal subsidios millonarios por parte de OPEKEPE, a axencia estatal encargada de distribuír os fondos agrícolas europeos, despois de declarar propiedades de terra ou gando inexistentes
A prensa grega indica que desde 2019 poderíanse desembolsar entre 200 e 230 millóns de euros de forma indebida.