Publicador de contidos

Publicador de contidos

Diego Calvo: "O comisionado do corredor atlántico chegou tarde, a primeira reunión foi mal"

Diego Calvo: "O comisionado do corredor atlántico chegou tarde, a primeira reunión foi mal"

O vicepresidente segundo da Xunta amósase escéptico ante o Plan director para o corredor atlántico noroeste

Calvo critica a "indolencia" do Ministerio de Xustiza ante a folga dos letrados e avisa que se hai plan de recuperación terá que pagalo o Estado

Calvo suxire que o PSdeG situará a Gómez Besteiro no Senado en substitución de Fernández Leiceaga

G24.gal 19/03/2023 07:35 Última actualización 19/03/2023 17:59

O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, admite sentir "decepción" ante os primeiros compases de José Antonio Sebastián Ruiz como comisionado nomeado polo Goberno central para o corredor atlántico ferroviario.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, Calvo recoñece esa "decepción" tras moitos anos esperando por este nomeamento e polas primeiras accións do comisionado.

Para Calvo, non só "chegou tarde" senón que tamén considera que "a primeira reunión foi mal" porque "empezou a facer visitas" e -indica- "non avisa a comunidade autónoma". 

O vicepresidente segundo insiste na necesidade de que o comisionado se reúna coas tres comunidades do Noroeste -Galicia, Asturias e Castela e León- e intercambien os datos que dispoñen sobre este ramal do corredor atlántico.

"Eu creo que é un mal comezo. Chegou tarde, a primeira reunión foi mal e agora segue mal. Non sei a que espera para chamar o Goberno galego e falar con nós. O noso non é falar con nós, é falar co Goberno de Asturias, falar co Goberno da comunidade de Castela e León e poñer enriba da mesa os datos que temos, son compartidos polos tres e estariamos encantados de poder explicarllos e por que nos saen esas diferenzas".  

Con vistas ao Plan director do corredor atlántico noroeste que o comisionado prevé presentar en outubro, Diego Calvo tampouco se amosa moi optimista con que recolla os investimentos e infraestruturas que as comunidades do noroeste xulgan precisos. Calvo fala abertamente de escepticismo e considera que "non vai cumprir a expectativa". 

"Teremos que esperar a ese Plan director pero se nos fixamos, única e exclusivamente, primeiro na tardanza que houbo para nomear o comisionado e dous, cal é a forma de traballar do comisionado e os datos que vai avanzando, a verdade é que estamos moi escépticos. Eu creo que ese Plan director non vai cumprir expectativa de ninguén salvo a do Partido Socialista e non creo que cumpra tampouco a do señor Adrián Barbón, o presidente de Asturias". 

Aínda en clave de infraestruturas, o vicepresidente segundo da Xunta tamén lle afea ao Ministerio de Transportes a tardanza na chegada dos trens Avril a Galicia.

Para Calvo "non ten sentido que mes tras mes ou cada trimestre nos veñan adiar un pouco máis a data de entrada dos trens Avril". Para o vicepresidente segundo, é un exemplo do "abandono absoluto e falta de compromiso do Goberno" con Galicia. 

Folga de letrados

Diego Calvo, que tamén é conselleiro de Xustiza, admite a preocupación polos efectos da folga dos letrados de Administración de Xustiza en Galicia. Expresou o seu asombro por como manexa o Ministerio esta folga e aponlle "indolencia". 

"A nós, que nos toca xestionar o resto da xustiza en Galicia, preocúpanos e moito porque efectivamente estanse acumulando atrasos insalvables por algo co que Galicia non ten absolutamente nada que ver, que a Xunta non ten absolutamente nada que ver. Pero preocúpanos esa indolencia que ten o Ministerio para atender este asunto. Oxalá cheguen a un acordo canto antes polo ben de todos". 

Cuestionado por se considera preciso un plan de recuperación ou de reforzo para dar saída aos actos xudiciais afectados pola folga, Calvo opina que se o Ministerio considera que hai que poñer un plan de recuperación "estamos de acordo" pero avisa que "ten que sufragalo o Estado".

Para o conselleiro de Xustiza, o "absurdo do absurdo sería aínda enriba que Xunta tivese que pagar un plan de reforzo ou un plan de recuperación porque non é culpa nosa". 

Censura de Vox e municipais

Nas vésperas de que se vote no Congreso a moción de censura de Vox ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, Diego Calvo, que é vicesecretario de Acción Electoral do PP, sostén que o seu partido non se sumará ao que define como "balón de osíxeno" para Sánchez.

Asegura que en vez de falar de temas importantes para España, "Vox o único que fai é darlle un balón de osíxeno para Sánchez para falar do que queira el" e "sabendo de antemán o resultado cal vai ser".  

En relación ás municipais, Calvo asegura que os obxectivos "son intentar mellorar o resultado en todos e cada un dos concellos de España".

No que atinxe a Galicia, e en particular á provincia da Coruña -en calidade de presidente provincial do PP- Calvo apunta que a finalidade é intentar "subir nos 93 concellos e xa veremos despois todas as alcaldías que somos capaces de conseguir" o que si fixou como "importantísimo" é conseguir a Deputación da Coruña. 

Respecto aos partidos da oposición en Galicia, Calvo reflexionou sobre o liderado do PSdeG e especulou sobre o eventual futuro de Xosé Ramón Gómez Besteiro, o que fora secretario xeral dos socialistas galegos.

Para o popular, "o Partido Socialista ten un líder que non quere ser candidato nas eleccións autonómicas, xa veremos para quen é".

Sobre a incorporación do agora senador Xoaquín Fernández Leiceaga nas listas do PSOE ao Concello de Santiago, Calvo dixo do PSdeG que "ten un senador que non quere ser senador e deixa o seu escano xa veremos para quen, supoño para o que chamaban o Messi da política galega", en alusión ás declaracións que no seu día fixo o secretario de Organización do PSdeG sobre Xosé Ramón Gómez Besteiro. 

Entrevista completa na Radio Galega
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade