Publicador de contidos
Publicador de contidos

Diego Calvo: "Eu creo que o reconto do voto exterior non vai cambiar a repartición"

Diego Calvo: "Eu creo que o reconto do voto exterior non vai cambiar a repartición"

O vicepresidente primeiro da Xunta en funcións asegura que a día de hoxe non hai data para a investidura de Rueda 

O presidente do PP provincial da Coruña di estar á disposición do presidente de cara á composición do Goberno

G24.gal 25/02/2024 09:41 Última actualización 25/02/2024 11:38

O vicepresidente primeiro da Xunta en funcións e presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, descarta na Radio Galega que o escrutinio do voto exterior mude a "repartición" de escano  das autonómicas galegas. 

Na véspera de que se realice o reconto do voto do Censo de Residentes Ausentes -CERA-, Diego Calvo opinaba nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana que a distribución de escanos será "similar" ao escrutinio do voto en Galicia o pasado domingo. 

"Eu creo que non vai cambiar a repartición. Máis aló de que se produzan máis ou menos votos cara a un partido ou outro. Creo que vai quedar exactamente o mesmo. Gustaríame ter máis participación da Galicia exterior, pero malia o cambio do sistema do voto, xa non ser voto rogado, a verdade é que non houbo moitísima participación. Eu coido que vai haber un escrutinio similar ao que houbo en Galicia". 

Nas autonómicas galegas do 18 de febreiro emitiron o seu voto dende o exterior 29.300 persoas. Un 6,15 % do Censo de Residentes Ausentes. Un voto que en virtude dunha nova lei que entrou en vigor en 2022, xa non tivo que ser rogado. 

Cómpre lembrar que á luz do escrutinio das papeletas emitidas en Galicia, tan só na provincia de Ourense os restos do último escano terminaron máis ou menos igualados. Co PSdeG a 112 votos para arrebatarlle un deputado aos populares. Un escano que, se co voto exterior finalmente acaba en mans socialistas, non afectaría á maioría absoluta do PP. 

Futuro goberno da Xunta

Diego Calvo asegurou que de momento "non está pechado" o día previsto para a investidura de Alfonso Rueda coma presidente da Xunta, á espera antes de que se constitúa o novo Parlamento galego nado das urnas.

Respecto ao seu futuro e á posibilidade de repetir nas mesmas funcións no novo executivo, dixo que está "sempre" á disposición e que se trata dunha "decisión do presidente da Xunta, e el saberá o que ten que facer".

Insiste en que "todos os deputados" do PP o están e que se "el (Rueda) estima conveniente que sigamos nesas responsabilidades pois perfecto e se non, seguro que a persoa que estea vaino facer moi ben tamén".  

Análise de resultados

O presidente do PP provincial da Coruña cualifica de "gran resultado" o acadado polo PP nas autonómicas do 18-F nun escenario no que destacou o  aumento da participación e "aumento en  votos".

Dos partidos da oposición, Calvo interpreta que os votos evidencian que o "Bloque ten moitos votos que foron prestados" e explica que o "BNG ten voto do Partido Socialista porque o  Partido Socialista, en plena campaña, renunciou a presentar un candidato con garantías e ser alternativa". 

De cara ao traballo entre PP e oposición, Calvo di que "imos ter man tendida en todo momento se se trata de reclamar algo que sexa bo para Galicia" pero ao tempo expresa a súas "dúbidas de que o queiran facer". 

Respecto ao Goberno central e os compromisos pendentes con Galicia e anunciados en campaña, Calvo afirmou que van esixir "eses compromisos ao presidente do Goberno e se se levan a cabo non lle caiba a menor dúbida de que o imos recoñecer e poñelo en valor".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar