Publicador de contidos

Publicador de contidos

Diego Calvo: "É o momento de rescatar a AP-9 e está xustificado economicamente"

Diego Calvo: "É o momento de rescatar a AP-9 e está xustificado economicamente"

O conselleiro de Presidencia critica que o Goberno se negue ao traspaso sen explicar as razóns

Reivindica a inclusión dos peiraos de Vigo e de Ferrol na Rede Transeuropea de Transportes como portos nodais

Lamenta que Lugo vaia ter unha estación intermodal á que non chegarán trens de alta velocidade

Diego Calvo nun momento da entrevista
G24.gal 15/02/2026 09:30 Última actualización 14/02/2026 22:54

O conselleiro de Presidencia lamenta que o Goberno manteña a súa negativa a traspasar a autoestrada AP-9 a Galicia.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Diego Calvo asegurou que o custo do rescate é equiparable ao desembolso que supón manter as bonificacións existentes na actualidade ata o fin da concesión, dentro de 22 anos.

"O custo das bonificacións existentes a día de hoxe e ata o final do período de concesión da autoestrada é similar ó que custaría rescatala. Ante esta situación, nós creemos que é factible o rescate".

O conselleiro de Presidencia criticou que o Executivo central non informe á Xunta do contido das alegacións presentadas contra o ditame da Comisión que declara ilegal a prórroga da concesión ata 2048 por non facerse mediante unha licitación pública.

“O Goberno négase a dicirnos que é o que lle trasladou á Unión Europea. Non entendo esa postura. É o momento de abordar ese rescate, hai motivos e ademais está xustificado economicamente”.

Transporte ferroviario

O conselleiro de Presidencia considera que os accidentes de Adamuz e de Gélida cambiaron a percepción sobre o transporte ferroviario e puxeron sobre a mesa moitas "dúbidas razoables". Tamén as reducións de velocidade e a suspensión de servizos como aconteceu en Vigo.

"Renfe di que hai problemas de seguridade e aos 10 minutos o Adif saca unha nota de prensa dicindo que as infraestruturas están en perfecto estado. Un empeza a pensar que está pasando, que é o que non están contando ou que é o que non se pode saber".

Diego Calvo censurou que Renfe non ofrecese alternativas de transporte aos pasaxeiros afectados pola suspensión do servizo ferroviario con orixe ou destino a Vigo.

"Este tipo de decisións, de actuacións, enfadan á poboación e non teñen ningún sentido. Creo que erraron enormemente".

Con respecto á comunicación ferroviaria con Lugo, o titular de Presidencia lamentou que se estea a construír unha estación intermodal con capacidade para recibir trens AVE cando, segundo dixo, “a alta velocidade non vai chegar porque o percorrido entre Ourense e Lugo non é de alta velocidade”

"Actuouse sobre a vía, electrificouse unha parte pero a velocidade máxima vai ser de 150 quilómetros por hora en dous ou tres treitos moi pequeniños e a velocidade media vai ser de 60 quilómetros por hora".

Con todo, segundo explicou, en Ferrol "a situación aínda é moito peor".

"A principios do ano pasado eliminaron a conexión directa con Madrid e a velocidade media entre a Coruña e Ferrol é de 40 quilómetros por hora. Quen nos escoite vai pensar que estou esaxerando pero é verdade. Leva hora e vinte chegar da Coruña a Ferrol en tren".

Diego Calvo sinalou que "ante a inacción" do Goberno, a Xunta, en colaboración co concello de Ferrol, presentou un plan "cunha serie de investimentos mínimos para facer interesante o traxecto en ferrocarril entre A Coruña e Ferrol".

"Facer o traxecto en 40, 45 minutos é una cousa apetecible. É un investimento menor ós 300 millóns de euros e colocaría a Ferrol, xa non digo en pé, pero si cunhas condicións salientables e, dende logo, defendibles. Non temos coñecemento por parte do Ministerio acerca disto".

Corredor Atlántico

O conselleiro de Presidencia denunciou a falta de información arredor do Plan Director do Corredor Atlántico que conectará por tren a cornixa atlántica de España, Portugal e Francia co resto de Europa.

"O que hai é un power point cunha serie de datos acerca de quilómetros e miles de millóns de euros pero ninguén sabe onde se van investir. Non pode ser que as rozaduras nas vías ou os cambios de travesas se inclúan nesas cantidades do Plan Director".

Diego Calvo tamén demandou que os portos de Vigo e de Ferrol se consideren nodais e se inclúan na Rede Básica Ampliada.

"Hai fondos europeos para estas infraestruturas e debiamos aproveitalos. A saída de mercadorías, tando do porto de Ferrol como do porto da Coruña, tense que producir pola Coruña-Lugo-Monforte. Se non actuamos nesa vía non imos poder sacar as mercadorías e non estamos actuando nin temos previsto actuar".

Outra infraestrutura clave no futuro Corredor Atlántico é o AVE Vigo-Porto. Neste sentido, o conselleiro de Presidencia asegurou que o Goberno "segue a mentirnos" sobre o desenvolvemento desta rede.

"Din que vai estar en 2032 pero ó ritmo que estamos a día de hoxe, eu podo asegurar que non chegamos antes de 2038".

Competencias

O conselleiro de Presidencia sinalou que, en canto a competencias, "parece que empezamos a andar" en cuestións como os permisos de traballo para estranxeiros.

"Necesitamos man de obra especializada, man de obra que veña xa para traballar en determinados sectores e, sobre todo, se son galegos ou descendentes de galegos moitísimo mellor porque a integración é máis rápida".

Diego Calvo apuntou que non son "competencias únicas para Galicia".

"Acábanllas de dar hai pouco ao País Vasco e non teñen ningún tipo de escusa para que Galicia non sexa tratada igual que outra comunidade".

O titular de Presidencia engadiu que outra das materias pendentes é mellorar "a coordinación entre Meteogalicia e a Aemet porque hai algunha disfunción".

Calvo lamentou que á vez que reclaman competencias, o Goberno presenta recursos de inconstitucionalidade "en cousas que non teñen ningún sentido", en referencia ao plan de choque para axilizar o recoñecemento da dependencia e á obriga de repotenciar os parques eólicos antigos.

Anteproxecto de Lei de Administración Local

O conselleiro de Presidencia tamén se referiu, na entrevista da Radio Galega, á futura Lei de Administración Local de Galicia que substituirá a normativa en vigor, de 1997.

Diego Calvo defendeu que o financiamento dos entes locais debe ter en conta o avellentamento da poboación e a dispersión.

"Introducimos novos criterios que van en liña co que nós lle pedimos ó Estado: o avellentamento como un criterio de financiamento dos concellos e a dispersión da poboación. Tamén os menores de cero a cinco anos porque cantos máis menores, hai unha serie de gastos para os concellos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade