Día de marchas en Riazor, coa dúbida da continuidade de Gilsanz
"Só me vexo de adestrador", comentou o aínda adestrador deportivista ao remate da temporada
Foi un día de despedidas en Riazor. Marcharon Pablo Martínez e Jaime, que estiveron no equipo titular. Tamén deixou o club o utilleiro da entidade os últimos corenta anos, Suso Méndez. Os tres recibiron o aplauso de Riazor, dos poucos que houbo ao longo do encontro.
No aire, a dúbida da continuidade de Óscar Gilsanz. O aínda adestrador do Deportivo agarda a ter unha xuntanza co club para coñecer a proposta para a vindeira temporada. "A pesar do último mes, a campaña foi boa", comentou o betanceiro. "Unha vez conseguidos os 53 puntos, o equipo non estivo á altura", comentou e recoñeceu que "agora comeza outra era, o obxectivo do club é ir a Primeira División".
O balance que fai da súa experiencia no primeiro equipo é moi positivo. "Estou moi contento por como encarei esta encomenda". Non quixo dicir nada sobre o seu futuro porque "sempre estiven á disposición do club". Podería ofrecerlle outro posto no club?". Ata o de agora sempre fun primeiro adestrador, non vou falar sobre hipóteses", comentou Gilsanz.