O talle do calzado e a roupa, principais descoidos do Apalpador e Papá Noel
Día de cambios e devolucións despois dos agasallos de Nadal
Uns zapatos apertados, un anel que non encaixa, un libro repetido ou un xersei algo rechamante... Papá Noel e o Apalpador van maiores e non sempre acertan co que pedimos. Por iso dentro de cada agasallo deixan un pequeno antídoto chamado tícket regalo.
Os erros máis frecuentes están no talle do calzado e a roupa. O prazo para os cambios adoita ser amplo, por iso esta mañá o ambiente estaba tranquilo. "Polo de agora, moi tranquilo todo, teñen un mes e a xente agarda unha semana ou dúas", di Javier Rodríguez, de Core Surfing Santiago.
Nalgunhas tendas as rebaixas comezan hoxe, así que tamén hai quen sae gañando cos cambios. Pero non agarden demasiado, porque poden quedar sen a alternativa que buscan. "Damos tempo, pero aconsellamos que veñan pronto porque despois coas rebaixas quedan sen talles e modelos", di Carmen Díaz, da tenda Carmen Díaz Estilista.
A priori os comercios non teñen a obriga de devolver o produto salvo que estea defectuoso. Pero o certo é que a maioría si permite facer o cambio nun tempo determinado, por deferencia a clientes tan importantes como Papá Noel ou os Reis Magos de Oriente.