Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detida unha muller acusada de causar incendios en Verín que arrasaron casas e coches

Detida unha muller acusada de causar incendios en Verín que arrasaron casas e coches

A detida ingresou en prisión, tras declarar no xulgado, acusada de cinco delitos de incendios e sete de danos

Arquivo: Un incendio con ata dez focos do que non se dubidaba da intencionalidade

G24.gal 13/09/2022 10:06 Última actualización 13/09/2022 15:07

Detivérona na súa propia casa, tras pouco máis dun mes de investigacións. Non se recoñece autora, pero non opuxo resistencia. No xulgado decretaron o seu ingreso inmediato en prisión, á vista das probas achegadas polos investigadores.

José Manuel Miñones, delegado do Goberno en Galicia: "Que se saiba que aquel que queima o monte terá a súa consecuencia".

A Garda Civil detívoa como suposta autora de cinco delitos de incendio forestal e sete delitos de danos, polas vivendas e vehículos afectados, na comarca de Verín. A superficie calcinada polo lume é de 1.000 hectáreas.  

Tras ser posta a disposición xudicial, o titular do Xulgado número 1 de Verín decretou o ingreso en prisión provisional da detida por estes feitos.  

Fontes da investigación detallaron que se trata dunha traballadora do Concello de Verín, de 50 anos, e que realizaba labores de operaria.

Segundo informa a Garda Civil nun comunicado, os incendios producíronse os días 3 e 4 de agosto e afectaron as poboacións de Verín, Rasela, Cabreiroá, Ábedes e Sousas. A Consellería de Medio Rural detalla que estes múltiples focos uníronse nun só lume. De feito, chegou a declarar o nivel 2 de emerxencias debido á proximidade das chamas ás vivendas e ás zonas afectadas.  

"Ardeume toda a viña, do alto ao fondo, unhas cincuenta vides, pora aí. Mellor non recordalo, porque aquilo era un inferno", comenta un veciño de Ábedes.

Nos incendios diferentes persoas tiveron que recibir asistencia médica e quedaron calcinadas varias vivendas e vehículos.  

As pescudas iniciáronse cando se realizaban labores de control e extinción. Así, a muller utilizaba o seu vehículo para desprazarse polo municipio e foi vista en varias ocasións polos investigadores polas zonas de inicio dos incendios.   

"Esta rápida chegada ao lugar e a colaboración da cidadanía foron fundamentais no avance das investigacións", resalta Medio Rural. 

Na investigación, a Garda Civil contou coa estreita colaboración dos axentes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), da Xunta de Galicia.

Nun comunicado, o Goberno galego destaca o traballo dos investigadores para esclarecer o sucedido.  

José González, conselleiro do Medio Rural: "Tamén quero deixar claro que hai máis liñas de investigación abertas, máis xente investigada, imos por eles con todo o peso da lei, todos traballando conxuntamente".

A detida nesta ocasión enfróntase a penas de cárcere e con responsabilidade patrimonial. Os gastos de extinción superaron o medio millón de euros, ao que se suman os danos ocasionados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade