Detida en Lugo por cicular en sentido contrario quintuplicando a taxa de alcol permitida
A moza, de 23 anos, arremeteu contra os axentes da Policía Local que lle deron o alto
Arquivo/Europa Press
Unha moza de 23 anos de idade foi detida en Lugo tras tentar arremeter contra os axentes da Policía Local que a interceptaron circulando en sentido contrario por unha rúa da cidade e cunha taxa de alcol case cinco veces superior á permitida pola lei.
Os feitos sucederon arredor da medianoite, cando a sala operativa do 092 atendeu a chamada dun cidadán para informar de que un vehículo estaba a circular en sentido contrario pola rúa Flor de Malva.
Mobilizado o Grupo Operativo Nocturno, os axentes localizaron o vehículo e déronlle o alto. Ao volante ía unha condutora de 23 anos de idade que, ao ser sometida ao correspondente control de alcoholemia, deu unha taxa case cinco veces superior á permitida pola lei, 1,12 miligramos de alcol por litro de aire expirado.
Cando a muller ía ser sometida a unha segunda proba para verificar ese primeiro resultado, arremeteu contra os axentes, de modo que foi detida e trasladada a dependencias policiais.
Tamén en Lugo foi detido outro individuo por insultar e ameazar unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno. O home tentou acceder ás dependencias oficiais forzando a porta de acceso. Unha vez dentro, abalanzouse sobre un dos axentes e tentou agarralo polo pescozo. De inmediato, foi reducido, detido e trasladado a un centro sanitario.