Detida a parella dunha muller de 47 anos asasinada en Huelva
A vítima, de nacionalidade alemá, foi localizada con múltiples feridas de arma branca, e o sospeitoso é un home italiano de 60 anos
Unha muller de 47 anos foi asasinada presuntamente pola súa parella, un home de 60 anos que foi detido pola Garda Civil en Isla Cristina (Huelva), segundo informaron fontes da invetigación.
Os axentes localizaron o corpo da vítima na praia Punta del Caimán, na localidade onubense, e presentaba múltiples feridas por arma branca. A muller era de nacionalidade alemá, mentres que o detido é italiano.
O home foi arrestado como presunto autor do crime da súa parella. A investigación permanece aberta para esclarecer as circunstancias dos feitos.
De confirmarse o caso como un asasinato machista, serían 37 as mulleres vítimas de violencia de xénero no que vai de ano e 1.378 desde 2003, cando comezaron a recompilarse estes datos.
As vítimas da violencia machista e a súa contorna poden pedir axuda en distintos recursos activos todos os días da semana e as 24 horas do día: o teléfono 016, o correo electrónico 016-online@igualdad.gob.es e a canle do WhatsApp no número 600 000 016.
O teléfono de atención da Xunta de Galicia contra a violencia machista é o 900 400 273. É gratuíto e anónimo, non deixa rastro na factura telefónica, funciona as 24 horas do día e ten cobertura en toda Galicia.
Nunha situación de emerxencia pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos de emerxencias da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062) e, se non é posible facer esa chamada, en caso de perigo existe tamén a opción de activar a aplicación ALERTCOPS, que envía un sinal de alerta á Policía con xeolocalización.