Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen o marido de Sturgeon nunha investigación sobre as finanzas do Partido Nacional Escocés

Deteñen o marido de Sturgeon nunha investigación sobre as finanzas do Partido Nacional Escocés

Os axentes tamén rexistran varios domicilios como parte da pescuda sobre as finanzas do SNP, partido no poder do Goberno autonómico escocés

Sturgeon, a exministra principal escocesa, dimitira en febreiro do seu cargo

Peter Murrell e Nicola Sturgeon nunha imaxe de arquivo Peter Murrell e Nicola Sturgeon nunha imaxe de arquivo
G24.gal 05/04/2023 11:36

Peter Murrell, marido da exministra principal de Escocia Nicola Sturgeon, foi arrestado este mércores en relación cunha investigación sobre as finanzas do Partido Nacional Escocés (SNP), segundo informou a BBC.

A policía de Escocia non facilitou a identidade do detido, pero afirma que un home de 58 anos foi arrestado esta mañá en Escocia e permanece retido nunha comisaría, onde é interrogado por detectives.

Os axentes tamén rexistran varios domicilios como parte da pescuda sobre as finanzas do partido no poder do Goberno autonómico escocés, agregou a policía, que puntualizou que non pode facer comentarios porque é unha investigación en curso.

Tras coñecerse a detención, o SNP emitiu un comunicado en que afirma que "non sería apropiado" comentar sobre unha investigación policial en curso, pero puntualizou que o partido "coopera plenamente con esta investigación e continuará facéndoo".

A formación engadiu que o órgano directivo do SNP acordou a fin de semana unha revisión da "gobernanza e a transparencia, que levará adiante nas próximas semanas".

Sen especificar as razóns, Sturgeon presentou o pasado febreiro a súa dimisión como ministra principal e líder do SNP, o que deu paso a unha elección interna, que deu a vitoria ao candidato continuísta, Humza Yousaf.

O mes pasado, Murrell presentou a súa dimisión como director executivo do Partido Nacional Escocés, tras as conxecturas de que podía someterse a un voto de censura por parte dos membros da Executiva da formación.

A renuncia de Murrell coñeceuse no medio do descontento nas filas da formación pola caída no número de afiliados á formación nacionalista e sobre presuntas irregularidades nas finanzas do partido.

En maio de 2021, o entón tesoureiro nacional do SNP, Douglas Chapman, presentou a súa renuncia cando levaba menos dun ano no cargo co argumento de que "non recibira a información financeira necesaria" para levar a cabo as súas tarefas. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar