Os pequenos saen á rúa para despedir o Entroido no desfile infantil de Xinzo
1.200 rapaces da Limia encheron de cor e ledicia as rúas da vila
As rúas da capital da Limia estiveron este venres tomadas por máis de 1.200 rapaces e rapazas procedentes de 16 centros educativos da comarca. Creatividade, música e moita ilusión marcaron un desfile no que o espírito do Entroido se vive dende cativos.
“Estámolo pasando xenial. É o seu primeiro ano e é moi emotivo, e o disfrace fixémolo nós" di un dos participantes. “De paxaros. Os disfraces fixéronos as nais", di outro dos cativos.
Os máis pequenos desfilaron acompañados polas súas familias. A temática foi variada, destacando os símbolos da natureza. Tamén amosaron a súa conciencia pola protección fronte aos incendios e a defensa da agricultura e da gandería, poñendo en valor o rico patrimonio natural da Limia.
“Pola cantidade de incendios que houbo este ano e un pouco en reivindicación”, di unha das profesoras. “De nai terra. Un diadema con follas, un bastón con follas, polainas", di outra participante.
O desfile, aprazado polo mal tempo, puido celebrarse finalmente baixo un sol que acompañou a festa.
“Os pequenos van de arco da vella e nós imos uns de sol e outros de nubes”, comenta un dos pais. “Espectacular, e o día acompaña”, engade outro.
A marcha, que normalmente percorre a N-525, nesta ocasión cambiou de ruta debido á tractorada e ao corte da autovía. A pesar do desvío, as rúas continuaban igual de cheas de xente, contaxiadas polo espírito entroideiro.
“En Xinzo, a ironía e a retranca forman parte da súa esencia. O espírito festivo transmítese tanto na escola como na casa, e hoxe quedou claro. Por iso que”, di José Manuel García, director do CEIP Rosalía de Castro.
“Viva o Entroido!”, exclaman os nenos entre aplausos.