Desfile de gando tradicional do San Froilán en Lugo
Os mellores exemplares das razas autóctonas percorreron as rúas do recinto histórico
Dos centos de actividades programadas para o San Froilán, unha das primeiras foi o desfile de gando tradicional, que percorreu as rúas do centro de Lugo. Os mellores exemplares das razas autóctonas acudiron a esta cita, que ademais cadrou co Día Mundial dos Animais.
Cabalos, cabras, ovellas, porcos, incluso galiñas e, sobre todo, bois e vacas participaron na que é xa a duodécima edición deste desfile. Son os mellores exemplares, os máis selectos, das razas do país, que luciron os seus andares ante o público asistente nunha tarde solleira.
Antigamente, Lugo acollía unha importante feira de gando. De feito, este desfile serve tamén para recuperar a memoria daqueles tempos.
Marcos Vázquez, director do Museo Vivo Integrada do Campo e da Locomoción Agraria: "É coma un recordo da antiga feira de San Froilán, que se celebraba no mercado da Frigsa e que era un referente no ámbito nacional da maquinaria nova".
Ademais dos mellores exemplares das razas galegas e de maquinaria agrícola clásica, o desfile contou tamén coa presenza de coches históricos.
Rubén Abelaira, presidente do Club Auto Clásico Lugo: "Aproveitamos que hoxe está unha tarde estupenda para poder vir nun coche convertible. Nun non, en dous!"
E da tradición á modernidade. Ao tempo que se celebraba este desfile de razas autóctonas, moi preto tiña lugar unha 'batalla de galos' no Espazo Hip Hop, situado na praza da Mosqueira.