Un Celta irrecoñecible perde co Raio en Vallecas (3-0)
De Frutos (2) e Unai marcaron os goles locais
Ao Celta faltoulle fluidez e atrás estivo mal
Levaba sete goles encaixados e esta xornada apañou tres
Foto: LaLiga
O Celta saiu en Vallecas con Cáceres por Marcos na defensa e con Hugo González na banda, arriba. E saiu coa idea de ser protagonista, mais o Rayo sacoulle o balón e comezou a comprometelo cun activo Camello. Os galegos tardaron case 20 minutos en achegarse con perigo á meta rival e, dese tibio inicio, só Jutglá pareceu a marxe.
A partires da media hora o encontro comezou a cambiar. O Celta contou co pulo de Rueda e a súa conexión con Hugo González. Déronlle unha vía de chegada aos celestes. E un problema para os locais. E xusto aí, cando os galegos melloraban, golpearon os vallecanos. Minuto 35, gol de De Frutos. As cousas que ten o fútbol.
No que quedaba desta primeira parte, o partido entrou nun ir e vir estéril, no que o único salientable foi a lesión de Hugo González e a entrada de Pablo Durán.
A segunda parte comezou con outro aire. Cun Celta máis incisivo. Con Rueda, de novo, dando aviso. Pero os madrileños souberon ler o partido e comezaron a manexarse con perigo. Souberon aproveitar os espazos. E aí brillaron Ratiu e de De Frutos. Precisamente, De Frutos marcaba o segundo aos 54 minutos. E logo Unai López ampliaba, no 73, cun soberbio zapatazo.
O Celta sentiuse como apático, fóra de sitio, sen capacidade de sentir o que requería o partido. E marchou de Vallecas cunha derrota merecida. 3-0. E con Radu como o seu mellor xogador.
En toda a temporada encaixara sete goles, esta xornada tres.