Publicador de contidos
Publicador de contidos

A raíña Sofía e o ministro Bolaños acoden á capela ardente de Bieito XVI

A raíña Sofía e o ministro Bolaños acoden á capela ardente de Bieito XVI

200.000 persoas pasaron pola capela ardente en tres días

Ultímanse os preparativos para a celebración este xoves do funeral, que será presidido polo papa Francisco na praza da basílica de San Pedro

G24.gal 04/01/2023 08:09 Última actualización 04/01/2023 21:16

A basílica de San Pedro no Vaticano acolle por terceiro e último día a capela ardente do papa emérito Bieito XVI, falecido o pasado sábado aos 95 anos e cuxos funerais se celebrarán mañá, xoves, presididos polo papa Francisco.

A basílica abre dúas horas máis, desde as 7:00 ata as 19:00 horas (6:00-18:00 GMT), o mesmo horario co que operou este martes.

Varios centos de persoas empezaron a entrar ordenadamente, pero sen as longas filas dos días pasados, para dar o último adeus a Bieito XVI, o papa que pasará á historia pola súa renuncia ao pontificado en febreiro de 2013.

A delegación española, encabezada pola raíña Sofía e da que forman parte o ministro da Presidencia, Félix Bolaños e a embaixadora de España ante a Santa Sé, Isabel Celaá,  visitou esta tarde a capela ardente. Mentres, vanse coñecendo os detalles do funeral que presidirá mañá o papa Francisco na praza de San Pedro. 

Quedan poucas horas para o funeral de Bieito XVI, e a súa capela ardente, que pecha ás sete da tarde, é un continuo desfilar de fieis que o queren despedir. 

Na audiencia semanal dos mércores, a primeira deste ano, o papa Francisco pediu oracións polo emérito e afirmou que Joseph Ratzinger fora un gran mestre de catequese. 

E mentres ultímanse os preparativos para o funeral, que comezará ás nove e media de mañá e que presidirá o papa Francisco. O féretro cos restos de Bieito XVI será levado ao adro da basílica ás nove menos cuarto da mañá, para o rezo do rosario antes do inicio da misa. Un funeral que non será de Estado, por ser pontífice emérito, pero ao que acudirán xefes de estado e algúns monarcas, coma o rei de Bélxica, pero a título persoal. 

Despois do funeral, sobre as once da mañá, os restos de Bieito XVI serán enterrados nun triplo ataúde na cripta dedicada aos pontífices baixo a basílica vaticana. 

Máis de mil axentes de todas as forzas da orde, incluído o exército, estarán encargados da seguridade. Tamén se pechará o espazo aéreo e estará blindado todo o perímetro da praza de San Pedro. Prevese a asistencia de 65.000 persoas, 400 bispos e 4.000 sacerdotes. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar