Denuncian falta de aparcadoiro no barrio coruñés de Durmideiras por mor das autocaravanas
Piden unha solución para os meses de xullo e agosto
Cren que se podería implantar unha zona para residentes
As autocaravanas convertéronse nun quebracabezas para os veciños do barrio de Durmideiras.
"Hai días que hai máis de corenta ou cincuenta autocaravanas. Marchou unha que había aí, que levaba todo o mes", comenta un veciño.
"Durmideiras estase volvendo un pouco máis turística, a xente vén á praia en coche e en autocaravanas e sufrímolo os veciños", explica Samy Arriaza Kalayky, presidente da asociación de veciños.
Porque din que, durante os meses de xullo e agosto, aquí é case imposible atopar unha praza de estacionamento. "Empezas a dar voltas e voltas... e ás veces nin así atopas oco".
"Están ocupando unha praza de aparcamento que, malia que sexa pública, si nos afecta aos veciños directamente porque moitos non teñen praza de garaxe", engade Samy.
Pero amais de amolarlles que estean aquí días e días sen mover os vehículos, aseguran que ás veces xeran malestar e problemas de convivencia. "Estacionar, si. Pero facer vida xa é máis complicado: portas abertas, roupa pendurada... Empregan os aseos do mercado e quedan feitos un desastre".
Coa paciencia case esgotada, andan á procura dunha solución. "Falaban de que ían facer un aparcadoiro na explanada de aí arriba...". "Pensamos nunha zona residencial para os meses de xullo e agosto. Non sei se será factible...", conclúe o presidente da asociación de veciños.
É a proposta que levarán ao Concello en canto consigan ter a xuntanza solicitada.