Denuncia a morte da súa muller no PAC de Sanxenxo tras non conseguir ambulancia
O Sergas explica que se cumpriu o protocolo xa que na chamada de alerta non se detectaron "criterios de gravidade"
O PSdeG di "xa está ben" ante a situación sanitaria de Sanxenxo

O Sergas defendeu este xoves a actuación en relación ao caso dunha muller que faleceu no Punto de Atención Continuada de Baltar, en Sanxenxo, xa que na chamada de alerta non se detectaron "criterios de gravidade".
Tal e como apunta o Sergas, a alerta produciuse pasadas as 21.00 horas do pasado seis de agosto e, "tras a consulta, o médico do 061 determinou a ausencia de criterios de gravidade", polo que recomendou que a paciente fora trasladada "polos seus medios" ao PAC de Baltar para ser recoñecida de forma presencial, e non nunha ambulancia, algo ao que accedeu a súa parella, afirman.
"O persoal sanitario da Central de Coordinación realiza unha toma de decisións apoiada en protocolos e guías de actuación para a coordinación sanitaria", sinala o Sergas.
O denunciante é, precisamente, a parella da muller. Segundo a súa versión, a súa muller empezou a atoparse mal sobre as 14.00 horas dese mesmo día, empezando a vomitar e non era capaz de camiñar.
O seu marido contactou por teléfono co 061 para requirir asistencia sanitaria e desde o servizo de emerxencias respondéronlle que, nese momento, non estaba dispoñible ningunha ambulancia que puidese realizar o traslado. Así, recomendáronlle que o fixese el mesmo se a súa esposa non tiña febre.
Finalmente, o marido trasladouna no seu vehículo particular ao PAC de Baltar, onde morreu mentres el estaba a aparcar. O Xulgado de Instrución número tres de Cambados estuda a súa denuncia.