Publicador de contidos

Publicador de contidos

Delcy Rodríguez, disposta á apertura diplomática cos EUA

Delcy Rodríguez, disposta á apertura diplomática cos EUA

Nun discurso de rendición de contas afirma que iría a Washington "de pé, pero non arrastrada"

A presidenta encargada responde doce días despois da captura de Nicolás Maduro

A presidenta interina de Venezuela Delcy Rodríguez pronuncia o seu primeiro discurso anual á nación na Asemblea Nacional (REUTERS/Leonardo Fernández Viloria) A presidenta interina de Venezuela Delcy Rodríguez pronuncia o seu primeiro discurso anual á nación na Asemblea Nacional (REUTERS/Leonardo Fernández Viloria)
G24.gal 15/01/2026 23:23

A presidenta encargada de Venezuela Delcy Rodríguez deu este xoves sinais de apertura diplomática aos Estados Unidos ao defender a cooperación con varios países, incluída a nación norteamericana, pero tamén ao sinalar que está disposta a viaxar ata Washington se fose preciso.

"Se algún día me tocase, como presidenta encargada, ir a Washington, fareino de pé, camiñando, non arrastrada. Fareino coa bandeira tricolor", manifestou a mandataria.

O pronunciamento produciuse doce días despois da captura en Caracas de Nicolás Maduro por parte de tropas dos Estados Unidos.

O Goberno xa anunciou canles de exploración para a reapertura de embaixadas cos Estados Unidos logo da ruptura diplomática en 2019.

Aínda que censurou o bloqueo naval que impide a Venezela vender os seus produtos petroleiros, destacou que no medio da agresión e a feroz ameaza está moldeándose unha cooperación enerxética, baseada na decencia, na dignidade e na independencia.

A presidenta encargada asegurou que o Goberno conta cun plan para este novo ano, malia ese bloqueo.

Lei de hidrocarburos e fondos

Rodríguez presentou unha proposta de reforma na lei de hidrocarburos para buscar investimentos nas infraestruturas petroleiras, en momentos nos que o cru é o centro do debate entre os EUA e Venezuela. A mandataria entregou a proposta ao Parlamento, pero non profundou en detalles.

"Trouxemos o proxecto de lei de reforma parcial da lei orgánica de hidrocarburos para incorporar os modelos produtivos que permitan que os fluxos de investimentos sexan incorporados a novos campos onde nunca se fixeron investimentos e onde non hai infraestrutura", indicou.

Así mesmo, anunciou a creación de dous fondos soberanos: un para mellorar o ingreso dos traballadores e outro dirixido ao desenvolvemento dos hospitais, escolas, vivendas e servizos públicos como a auga, a electricidade e a vialidade.

Acusa os Estados Unidos de cruzaren unha liña vermella ao capturaren a Maduro

Rodríguez lembrou que en decembro os Estados Unidos ordenaron confiscar buques petroleiros sancionados que entrasen ou saísen de Venezuela.

Ao seu xuízo, esa medida foi un paso previo á captura de Maduro e da súa esposa Cilia Flores tras o ataque militar do pasado 3 de xaneiro contra Caracas e outras rexións do país.

A presidenta encargada afirmou que estes feitos deixaron unha mancha nas relacións entre Venezuela e os Estados Unidos e que Washington cruzou unha liña vermella ao atacar, invadir e prender o presidente venezolano e a primeira dama.

Malia ese discurso, Rodríguez manifestou a súa disposición a traballar nunha axenda de cooperación cos Estados Unidos.

O pasado día 3, logo da captura de Maduro, Donald Trump dixo que gobernaría Venezuela ata que houbese unha transición e advertiu a Delcy Rodríguez que se non facía o correcto podería acabar peor que o mandatario venezolano. Onte, tras conversar brevemente con ela, dixo que era fantástica. Un pequeno aceno que demostra que a apertura diplomática entre os Estados Unidos e Venezuela é, cando menos, posible.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade