Publicador de contidos

Publicador de contidos

Daniel Guisado: "Meloni é filla dos erros dos seus adversarios políticos"

Daniel Guisado: "Meloni é filla dos erros dos seus adversarios políticos"

O politólogo Daniel Guisado explica a vitoria de Giorgia Meloni nas eleccións do domingo 25 de setembro pola confluencia de dous tipos de votos: o dos cidadáns desafectos da política e o dos que asumen o discurso posfascista de Irmáns de Italia

Nunha entrevista na Radio Galega, Guisado cre o próximo Goberno da dereita radical ameaza os dereitos fundamentais das mulleres, das minorías e da protección social dos traballadores  
 

G24.gal 26/09/2022 10:45

Para o politólogo Daniel Guisado, a vitoria do partido de Giorgia Meloni responde a tres factores: aos erros dos seus adversarios, tanto da dereita como da esquerda; ao voto dos cidadáns decepcionados coa política e ao voto ideolóxico ligado aos movementos posfascistas.

"O ascenso de Giorgia Meloni responde a dúas clases de votos: un voto contestatario, de xente que está desafecta coa política, que non ve ningún tipo de representación á altura e un voto moito máis ideolóxico, que responde a esta traxectoria posfascista histórica que teñen tanto ela como seu partido".

Guisado, que é coautor do libro 'Salvini e Meloni, fillos da mesma rabia', cre que un posible goberno liderado por Meloni non achegará cambios substanciais no terreo económico e na política exterior italiana, pero si nos dereitos sociais das mulleres e das minorías e na protección dos traballadores.  

"O que si podemos esperar é unha erosión dos dereitos fundamentais das minorías, das mulleres, da protección social dos traballadores e da maioría social. Temos un exemplo xa na rexión das Marcas, onde xa goberna Irmáns de Italia. Vimos como o dereito ao aborto desapareceu, non porque se derrogasen as leis, senón polos atrancos que se puxeron para que as mulleres poidan exercer ese dereito".

O politólogo non prevé grandes cambios nos grandes principios da política económica nin nas cuestións xeoestratéxicas. O que si se pode esperar dun goberno liderado por Meloni é que nas relacións coa Unión Europea se afaste do eixo franco-alemán e se achegue a países como Hungría e Polonia. 

"O que cabe esperar é un inicio de hostilidades sobre todo no plano dialéctico. Xa veremos se se chega ás sancións, como advertiu a semana pasada Úrsula von der Leyen, pero seguro que veremos unha Italia máis combativa con Bruxelas".

Para Guisado, os resultados dos partidos de centroesquerda foron os peores de todo o período democrático. Uns resultados condicionados pola incapacidade de formacións como o Partido Democrático e o movemento 5 Estrelas para acudir ás urnas en coalición. 

"Se non vas en coalición, o sistema electoral italiano faiche moitísimo dano. Se o Partido Democrático e o Movemento 5 Estrelas concorreran xuntos, poderían ser moito máis competitivos, e se cadra terían posto en perigo a maioría absoluta do bloque da dereita".


O politólogo Daniel Guisado explica tamén o ascenso de Irmáns de Italia pola normalización do discurso posfascista na política italiana da man dos gobernos de Silvio Berlusconi.

Nunha entrevista no Galicia por diante, Guisado lembra que foi Berlusconi quen permitiu que chegasen ao goberno hai xa máis de vinte anos partidos como a Liga Norte, supremacista e xenófono, e a Alianza Nacional, herdeira do posfascista Movemento Social Social Italiano.
  
Segundo Daniel Guisado, isto explica en parte a vitoria da formación de Meloni, que nas últimas eleccións de 2018 só colleitara pouco máis do 4 % dos votos.

"Hai que lembrar que Silvio Berlusconi chega ao poder grazas á axuda inestimable da Liga Norte, que xa era un partido etnorexionalista e xenófobo no Norte do país, e da Alianza Nacional no sur de Italia, que eran os herdeiros do posfascismo. Berlusconi ábrelles as portas do goberno e o que temos é unha lexitimación, unha normalización dos valores, ideas e programas destas formacións. Hoxe os fillos comeron finalmente a Saturno".
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade