Cúmprense dous meses de guerra con Rusia centrada na ofensiva sobre o Donbás
Zelensky reúnese este domingo cos secretarios de Estado e Denfensa do EUA
A ONU pide unha tregua inmediata para evuacuar civís de Mariupol
Ucraína vive un triste domingo da Pascua ortodoxa. A invasión rusa cumpre dous meses sen que se albisque a fin dunha guerra que deixou miles de mortos, millóns de desprazados e cidades reducidas a moreas de cascallos. A pesar das sancións e da resistencia ucraína, Putin mantén os bombardeos centrados agora no Donbás. Zelenski asegura que ningunha maldade destruirá Ucraína.
O batallón Azov de Ucraína publicou imaxes aéreas tomadas por drons que mostran o estado en que quedou a asediada Mariupol tras dous meses de guerra. A ONU pediu unha tregua inmediata para evacuar civís mentres que Ucraína suxeriulle a Rusia iniciar unha rolda especial de conversas sobre esta cidade, último núcleo de resistencia.
En Khárkiv, centos de persoas malviven baixo terra. Yulia, voluntaria, explica que hai unhas 700 persoas neste refuxio, a maioría son anciáns. "Tratamos de sacalos porque aquí non hai nada bo -di-, a xente enferma continuamente".
Elena Invanova lembra como comezou todo, o día 24 de febreiro, ás catro e media da mañá: "Na casa da miña avoa vimos voar helicópteros, os nosos militares derribaron algúns e viñan avións... E entón -di-, xa non aguantamos máis e decidimos que era mellor vivir baixo terra que no soto".
Khárkiv, Mariupol, Mykolaiv... O presidente ucraíno lembrou o sufrimento de todas estas cidades na súa mensaxe deste domingo da Pascua ortodoxa na catedral de Santa Sofía de Kíiv.
Zelensky, que se vai reunir cos secretarios de Estado e de Defensa dos Estados Unidos, admite que está máis satisfeito coas armas recibidas da administración Biden. E o Exército ruso responde que seguirá atacando os vehículos e arsenais estadounidenses e da OTAN. O voceiro do Ministerio de Defensa confirmou que o seus mísiles de alta precisión alcanzaron catro depósitos de armas de artillería en Khárkiv.
Un asesor da presidencia ucraína asegura estar convencido de que o 9 de maio, día en que Rusia celebra a vitoria sobre a Alemaña nazi, Putin anunciará que se cumpriron os obxectivos da invasión e proporá negociar. "E entón -dixo-, a pregunta será se Kíiv acepta as condicións de Moscova".