Un home mata a coiteladas a súa muller e a súa filla de seis anos en Móstoles
Avisou uns coñecidos do que acababa de facer e logo intentou suicidarse
Un home de 39 anos matou a coiteladas a súa muller, de 29, e tamén a filla de ambos, de 6. Sucedía esta noite na localidade madrileña de Móstoles, no domicilio familiar.
Cando os efectivos do 112 chegaron á vivenda só puideron confirmar a morte das dúas vítimas. Tras cometer o dobre crime, o individuo intentou suicidarse e foi trasladado ao hospital.
Fontes dos servizos de urxencias explican que avisou a varios coñecidos do que acababa de facer. Foron esas persoas as que deron a alerta ao presentárense na casa e ver que ninguén lles abría a porta.
A policía investiga este presunto crime machista, non existían denuncias previas de malos tratos. O home tampouco tiña antecedentes policiais.
Polo menos 37 crimes machistas
Segundo as estatísticas oficiais, este sería o trixésimo sétimo asasinato machista no que vai de ano en España. O 1.167 desde que hai rexistros.
As autoridades lembran que hai dous números de teléfono para denunciar os malos tratos, que son de balde e non aparecen na factura pero que hai que borrar do rexistro de chamadas: o 016 e o 900 400 273.