Continúan os traballos para arrefriar o cereal da nave da antiga Pontesa
O Concello de Pontevedra prefire non adiantar prazos para a finalización deste labores
Continúan os traballos para conseguir a extinción total dos milleiros de toneladas de cereal que aínda combustionan. Un traballo laborioso e complicado dos bombeiros que consiste basicamente en estender e enchoupar as montañas de gran que seguen incandescentes, un traballo que ás veces se complica porque esta noite as lapas case se reavivan e tivo que desprazarse un equipo para sufocar o conato.
Os bombeiros contan co apoio loxístico da Axencia Galega de Emerxencias, que desprazaron dous camións cisternas para surtilos de auga, de feito esa auga fixo que algunhas das montañas de gran agromasen.
E continúa tamén o cheiro nauseabundo, que vai e vén en función do vento.
O Concello prefire non adiantar prazos para a finalización dos traballos, prefire ir día a día para ver como evolucionan, e tamén puntualiza que a orde de paralización da actividade que remitiu á nave que ten a empresa en Campañó está en prazo de execución e de recurso.