A administración da terceira dose avanza a bo ritmo nos centros de vacinación masiva
As persoas sen vacinar poden acudir a estes recintos
Na Cidade da Cultura de Santiago están citadas este domingo, en horario de mañá e de tarde, preto de 3.500 persoas de 70 a 79 anos. O Sergas prevé ter vacinadas coa terceira dose unhas 46.600 persoas de toda a área sanitaria para o 30 de novembro.
A participación está a ser moi alta. O persoal sanitario facilita tamén a vacinación da terceira dose a persoas que teñen a cita fixada polo Sergas para outro día pero hoxe acoden de acompañantes.
O importante, salientan, é que a xente se vacine, por iso a partir do luns a vacinación será neste recinto tamén sen cita para determinados grupos.
Reapertura de Expourense
O recinto feiral de Expourense reabriu este domingo como centro de vacinación masiva. Ao longo do día están citadas 3.620 persoas. Dende primeiras horas, xa había xente agardando na porta.
O recinto tivo que atrasar a súa apertura porque se estaba a celebrar o Salón do Deporte e do Turismo, que se clausurou o sábado. Había algo máis dun mes e medio que non se empregaba para este fin. As autoridades sanitarias non prevén grandes ausencias.
"A verdade é que esta xente vén toda. Xa nos deron o exemplo na primeira e na segunda e non fallan á cita. Ás oito da mañá estaban xa aí puntuais", asegura Verónica Civeira, coordinadora dos equipos de vacinación da área sanitaria de Ourense.
Na zona de influencia seguen subindo os casos, case 80 contaxios novos nas últimas 24 horas, e as persoas citadas para esta dose de reforzo veñen concienciadas con minimizar o risco. Nesta xornada, estanse administrando as vacinas de Pfizer e Moderna.
A campaña comezou o venres, no hospital, e trasladouse a Expourense unha vez quedou dispoñible o recinto. Aquí seguirán ata o xoves. Simultaneamente, seguen administrando a vacina nos hospitais de Verín e O Barco de Valdeorras.
O 96 % acode á cita
No terceiro día consecutivo de vacinacións no recinto feiral de Vigo, volven estar citadas unhas 5.000 persoas de 70 a 79 anos, igual que os días anteriores, para recibir a vacina anticovid–19, que reforza as dúas anteriores. O 96 % acode á chamada.
No exterior do IFEVI formáronse longas ringleiras dende primeira hora. Unha vez dentro, a dinámica é a que xa coñecen case todos: o código QR no móbil ou no papel, dirixirse a un mostrador e poñer a terceira dose. Este domingo todas son de Pfizer.
Na xornada do sábado foron citados 5.000 maiores. Na mañá xa se vacinaran 4800. Sumados aos 3.750 do venres xa van máis de 8500 vacinados.
O plan do SERGAS, que remata o 30 de novembro, inclúe doce días de vacinación para chegar coa dose de reforzo aos 50.270 homes e mulleres de 70 a 79 anos.
A partir deste luns, poderán acudir sen cita ao IFEVI todas aquelas persoas que aínda non recibiron ningunha dose.