Consumo regulará a alimentación en hospitais e residencias para que sexa saudable e nutritiva
O ministro informou de que o obxectivo é poñer a iniciativa en marcha "canto antes" e que para iso participarán dietistas, nutricionistas e as comunidades autónomas

O ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy, anunciou este xoves que o Goberno poñerá en marcha un real decreto para regular que as comidas que se serven en hospitais e en residencias de maiores sexan saudables e nutritivas.
Segundo explicou Bustinduy, esta nova normativa segue o ronsel do real decreto que aprobou hai un mes no Consello de Ministros para regular as comidas en colexios e institutos, establecendo unhas frecuencias mínimas para ofrecer verduras, froitas e peixes, así como limitando as frituras, os pratos precociñados, os alimentos procesados e os produtos azucrados.
En declaracións a La Sexta recollidas por Europa Press, o ministro informou de que o obxectivo é poñer a iniciativa en marcha "canto antes" e que para iso participarán dietistas, nutricionistas e as comunidades autónomas. Así mesmo, Bustinduy lamentou a situación actual que se vive nos hospitais, xa que, en moitas ocasións, a alimentación que se ofrece aos pacientes "contradí" os consellos dos profesionais sanitarios. "Por non falar das máquinas expendedoras dos hospitais, pois custa moito atopar alternativas saudables e ao final acabamos comendo patacas fritas ou barras de chocolate", agregou.
En canto á alimentación nas residencias, o ministro recoñeceu que a situación é "bastante flagrante", á vez que indicou que "todo o mundo" viu fotografías en que se mostrou "comida podre" e que non cumpre os "mínimos estándares de dignidade que merecen todas as persoas dependentes". Neste punto, afirmou que o obxectivo desta norma é "xusto o contrario" do que sucedeu durante a pandemia da covid-19, cando "o Goberno da Comunidade de Madrid daba pizzas aos nenos vulnerables".