Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno aproba o Estatuto Marco en pleno conflito cos médicos

O Goberno aproba o Estatuto Marco en pleno conflito cos médicos

O Goberno reitera ás comunidades que as demandas médicas xa dependen delas

A pesar de que o texto, pactado cos sindicatos, introduce melloras para os médicos, as organizacións sindicais médicas seguen esixindo un marco de regulación propio independente do resto de profesionais e manteñen o quinto paro semanal a partir do 15 de xuño 

O sindicato O'Mega considera "irresponsable" a luz verde do Executivo ao Estatuto Marco

O Goberno inxecta 260 millóns máis a Casa 47 para 22 novos proxectos, tres na Coruña, Carballo e Lugo

 

Imaxe das protestas recentes dos médicos ás portas do Ministerio de Sanidade (TVG) Imaxe das protestas recentes dos médicos ás portas do Ministerio de Sanidade (TVG)
G24.gal 02/06/2026 10:01 Última actualización 02/06/2026 14:20

A portavoz do Goberno, Elma Saiz, subliñou este martes que o Executivo "xa fixo a súa parte" reformando o Estatuto Marco e que agora, "unha parte importante" das reivindicacións médicas, como os salarios ou a organización dos servizos, dependen das comunidades e non do Ministerio de Sanidade.

Así o asegurou na rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Ministros, na que o Goberno deu luz verde o anteproxecto de lei do estatuto marco, que regula as condicións do persoal do Sistema Nacional de Saúde, sanitario e non sanitario.

Un anteproxecto que, aínda que reduce as gardas de 24 a 17 horas ou impón unha xornada semanal límite de 45 horas, tres menos que o que marca a normativa europea, mantén en pé de guerra os sindicatos médicos, que rexeitan esta norma común e esixen un estatuto e un marco de negociación propios, independente do resto de profesionais do SNS, para negociar as súas condicións laborais.

Unha esixencia que tanto Sanidade como tamén os sindicatos xeneralistas rexeitaron sempre de plano, ao entender que o estatuto marco é unha norma común que debe regular e mellorar as condicións de todo o persoal do SNS e non só dunha parte e que todas as reivindicacións médicas tiñan cabida nun capítulo específico da lei.

"O Goberno de España fixo a súa parte despois de varios anos negociando; o Ministerio de Sanidade alcanzou un acordo cos sindicatos maioritarios para actualizar unha normativa laboral que levaba máis de dúas décadas sen renovarse", subliñou a ministra antes de lembrar que o texto introduce melloras "históricas" como a eliminación das gardas de 24 horas e a regulación de descansos, conciliación e estabilidade.

Chegados a este punto, Saiz quixo puntualizar que, a partir de aquí, "unha parte moi importante das reivindicacións que seguen expoñendo" non dependen xa de Sanidade, porque son as comunidades autónomas as que "teñen competencia sobre salarios, sobre persoais, sobre organización dos servizos e de boa parte das condicións de traballo".

Tras o seu primeiro paso polo Consello de Ministros, ábrese agora o período de audiencia pública, tras o cal, e previo paso de novo polo Goberno, será remitido ao Congreso dos Deputados. 

Os médicos manteñen a folga para a semana do 15 de xuño 

Con todo, o comité de folga médica, conformado pola Confederación Española de Sindicatos Médicos (CESM) xunto ao Sindicato Médico Andaluz (SMA), Metges de Catalunya (MC), a Asociación de Médicos e Titulados Superiores de Madrid (AMYTS), o Sindicato Médico de Euskadi (SME) e o Sindicato de Facultativos de Galicia Independentes (O’MEGA) optou por manter o seu quinto paro semanal do ano na semana do 15 ao 19 de xuño.

Na súa opinión, e despois de reunirse este luns con representantes de Sanidade, é unha "tomadura de pelo" que siga sen expor propostas nin atender as súas demandas para desencallar o conflito.

O'Mega cualifica de "irresponsable" a luz verde do Goberno ao Estatuto Marco

O sindicato médico O'́Mega considera que a aprobación por parte do Consello de Ministros do anteproxecto do Estatuto Marco do persoal sanitario constitúe unha "irresponsabilidade que só contribuirá a aumentar a conflitividade nun sector no que médicos e pacientes son os principais damnificados".

O sindicato galego -presente no comité de folga nacional- reprocha á ministra de Sanidade, Mónica García, a súa “negativa para establecer un diálogo franco” co colectivo de médicos e facultativos e considera que é a responsable de que se manteña a folga que nos últimos meses supuxo xa a cancelación de centenares de miles de actos médicos en todo o país.

O'Mega advirte que con decisións como a adoptada este martes polo Consello de Ministros se aboca aos sindicatos médicos a estudar novas convocatorias de folga.

A organización sindical fai un chamamento ao Ministerio para retomar "un diálogo que nunca debeu abandonar" e que, asegura, reclama "non só o colectivo médico senón tamén os colexios profesionais e a maior parte dos responsables sanitarios das comunidades autónomas".

 

 

 

 

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade