Consello da Xunta en Ferrol para oficializar a apertura da primeira delegación autonómica na cidade
O Goberno galego relanza o pacto de Estado para Ferrolterra
Aprobados case 9 millóns de euros para obras de rehabilitación en Ferrol
A Xunta declara BIC a Biblioteca Emilia Pardo Bazán
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe a reunión semanal do seu Goberno a Ferrol, onde acaban de crear a primeira delegación territorial da historia da autonomía para coordinar todas as accións executivo galego nunha comarca que suma 20 concellos. A delegada, nomeada este xoves, será a avogada Martina Aneiros, edil e deputada autonómica.
Un dos proxectos que aprobou hoxe Consello da Xunta para Ferrol é declarar Área Rexurbe a zona vella. Prevén investir máis de dez millóns de euros na rehabilitación de edificios e rúas, recuperación do comercio local, a creación de prazas hoteleiras ou buscar solucións de vivenda para mozos. Outras das medidas ten que ver co emprego. O Goberno galego vai crear un polo de emprendemento no rural para a comarca de Ferrolterra para potenciar a creación de negocios e fixar poboación.
A terceira iniciativa é o programa para reinserir traballadores da industria auxiliar do naval afectados por un ERE. O presidente da Xunta tamén anunciou que non haberá límite presupostario para a ampliación do hospital de Ferrol. "O único límite é manter a actividades asistencial coas obras de ampliación e reforma dos edificios existentes. Unha das grandes decisións que tomamos é que esta obra non ten límite orzamentario. Todo o que se poida executar pagarase no 2022", afirmou Feijóo, que tamén anunciou para Ferrol é unha senda peonil e ciclista que una a cidade co porto.
Demanda IVE
O presidente tamén avanzou que a Xunta vai esperar un mes máis antes de demandar ao Goberno central pola repartición dos fondos europeos. A Xunta quere intentar chegar a un acordo antes.
O que si decidiu hoxe o Consello é comezar os trámites para que o Executivo aboe a Galicia a mensualidade do IVE de decembro de 2017 que reclamara xudicialmente. O Supremo recoñeceu o pasado abril o dereito á compensación, pero aínda non se pagou.
"No caso de Galicia a cantidade que nos teñen que aboar son 211 millóns de euros máis 13 millóns de intereses de demora. Só en intereses de demora o Goberno ten que aboar 100 millóns ás comunidades. Cando un goberno non quere dialogar, lamentablemente nos quedan os tribunais. Pero ese goberno é moi caro para España", afirmou Feijóo.
A biblioteca de Bazán xa é BIC
O Consello da Xunta tamén aprobou hoxe o decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural a biblioteca de Emilia Pardo Bazán. A colección ten case 11.000 volumes repartidos entre a sede da Real Academia Galega e o pazo de Meirás, entre os que hai primeiras edicións de Voltaire do século dezaoito, manuscritos dedicados a Pardo Bazán e libros con anotacións da escritora. A declaración de BIC non cambia a titularidade dos bens, pero garante a súa protección.
Minuto a minuto
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo comezou a conferencia de prensa comunicando que viña de nomearse a “nova delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneriros. Hai unhas semanas creamos a primeira delegación da Xunta na cidade de Ferrol en 40 anos de autonomía”.
O presidente da Xunta sobre a pandemia dixo que “son 66.364 galegos que están contaxiados pola covid-19, 48 en UCI, os mesmos que hai 24 horas. Deles, máis do 42 % son doentes sen vacinar, polo que volvemos facer un chamamento ás persoas que dubidan da utilidade da vacina”.
O presidente da Xunta : “579 dos positivos por covid están nos hospitais e o 99 por cento nas súas casas (…) lamentablemente tivemos 5 novos falecementos nas últimas 24 horas estamos xa con 2.902 persoas falecidas por covid ou con covid na comunidade autónoma”.
O presidente da Xunta : “Segundo os datos do Ministerio, Galicia é a comunidade con menor positividade, 21,7 por cento. A media de España de positivos e do 37,7 %. Nas últimas semanas estivemos baixando e estaremos bordeando o 16 % de positividade; este é un bo dato de cara a evolución da pandemia de cara ás próximas semanas”.
O presidente da Xunta : “Do número de contaxiados ao día, máis do 50 % son de persoas que se fan o test na casa. (…) Todo parece indicar que nos próximos días debería haber unha baixada no número de casos novos.”
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo: “Nos parece e aí hai unanimidade do Comité Clínico, que debemos valorar baixar as corentenas dos positivos de 7 días actuais a 5 días nas próximas semanas, sempre que eses pacientes non teñan síntomas e se cumpran unha serie de condicións que o comité clínico concretou na súa reunión do pasado martes”.
Alberto Núñez Feijóo: “Fago un chamamento á responsabilidade individual. Acabáronse as restricións practicamente (…) e a responsabilidade individual pasa por máscara, distancia e ventilación”.
Alberto Núñez Feijóo: “Hoxe no Consello aceptamos a proposta do Goberno Central (...) para que abone a Galicia os 211 millóns de euros que lle endebedaba polo IVE impagado dende o ano 2018".
O presidente da Xunta lembrou que tivo que levar a reclamación destes cartos aos tribunais e explicou “a sentenza do Tribunal Supremo acredita que o Goberno central vulnerou o dereito á autonomía financeira de Galicia e que esta actuación orixinou un quebranto económico na Facenda autonómica e que se produciu un enriquecemento indebido da Administración central dos impostos pagados polos galegos na comunidade autónoma”.
O presidente da Xunta: “A cantidade que nos teñen que aboar son 211 millóns de euros máis 13 millóns de euros de xuros de demora”.
O presidente da Xunta: “Cremos que o Goberno central volve tomar unha decisión nos fondos de emprego de forma inadecuada aos intereses de Galicia; pensamos que o Goberno está a tempo de rectificar. O consello da Xunta deliberou na súa reunión esperar un mes máis de prazo para interpoñer perante o Tribunal Supremo o recurso contencioso-administrativo contra o repartimento dos fondos de políticas activas de emprego feito de forma discrecional hai semanas”.
O presidente da Xunta: "Acabamos de aprobar o terceiro Plan tecnolóxico da Administración de Xustiza en Galicia, senda 2025, investiremos 43 millóns de euros.(...) Levamos un incremento do 68 por cento para a dixitalización da Xustiza en Galicia"
Sobre o Turismo, o presidente da Xunta, dixo que hai “unha fortaleza turística que estivemos observando este ano 2021, malia a pandemia, hai unha intensa recuperación do sector, á cabeza de España. Temos que celebrar a segunda parte do Xacobeo, ano 2022, e trátase de consolidar a boa tendencia”.
Alberto Núñez Feijóo: “Hoxe aprobamos o decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, composta por 11.000 volumes que entendemos ten unhas singularidades e un carácter único”.
Respecto aos cursos formación Celga de galego, linguaxe Administrativa e Xurídica Galega, Alberto Núñez Feijóo adiantou que van “sacar 3.200 prazas e 32 cursos. A oferta destes cursos aumentou un 50% desde o ano 2016. (...) Tamén haberá cursos para o persoal do Servizo Galego de Saúde", entre outros colectivos.
No eido rural, o presidente da Xunta, dixo que apoiaban “a plantación nos montes galegos de especies coníferas ou frondosas. Obxectivo: favorecer o aumento da diversidade, permitir aumentar a superficie forestal arborada e reducir o risco de incendios mediante a valorización dos terreos forestais. Imos investir 8 millóns de euros para plantar piñeiro silvestre, teixo, castiñeiro, carballos, ameneiros, etc.”
Sobre a nova Delegación da Xunta en Ferrol, da que vai estar á fronte Martina Aneiros Barros, vai estar integrada por 20 concellos explicou Alberto Núñez Feijóo, “nos que viven 190.000 persoas”. “Un dos seus labores será a vixilancia do cumprimento do Pacto de Estado con Ferrol, dos compromisos da Xunta de Galicia con Ferrol e por suposto do resto das administracións”.
Alberto Núñez Feijóo: “Estamos cumprindo o Pacto de Estado con Ferrol nas competencias autonómicas. Levamos investidos no ano 2021 80, 3 millóns de euros na consolidación dos servizos públicos, infraestruturas e comunicacións, recuperación de empresas, autónomos, empregos e na modernizacións dos principais sectores económicos da área de Ferrol”.
Alberto Núñez Feijóo: “Hoxe incorporamos a Ferrol a lista de cidades Rexurde, só hai catro ou cinco localidades de Galicia que teñen esta consideración para a rehabilitación de vivenda”.