As universidades públicas galegas prevén incrementar un 15% as prazas de Enfermería
Prevén incrementar ata 597 novas vacantes desta carreira nos próximos catro anos
Cada universidade terá unha única facultade, que coordinará todos os centros que imparten o grao e integrará as escolas adscritas
As tres universidades públicas galegas, Santiago, A Coruña e Vigo, prevén incrementar nun mínimo dun 15% nos próximos catro anos as prazas para os graos en Enfermería.
Implicará que, en total, aumentarán ata 597 novas vacantes desta carreira, sen contar as que hai vinculadas a Povisa. Ademais, as oito escolas adscritas de Enfermería que hai en Galicia integraranse dentro do sistema universitario.
Seis delas pertencen ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) e están en Vigo (Meixoeiro), A Coruña, Ourense, Santiago e Lugo; ás que se suman a da Deputación de Pontevedra e a de Povisa.
Todo iso recólleo un acordo asinado nun acto en Santiago polos tres reitores, Ricardo Cao (A Coruña), Antonio López (Santiago) e Manuel Reigosa (Vigo); o presidente da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug), Juan José Nieto Roig; e polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Este último foi o encargado de debullar o contido deste documento que busca "mellorar a calidade do ensino" da Enfermería en Galicia, á vez que se aumentan os profesionais formados para contar con eles no propio Sergas.
"Ou así o esperamos", apostilou.
O incremento das prazas ten o obxectivo, tal e como explicou Rueda, de mellorar o número de enfermeiras por paciente, tendo en conta que "España segue por baixo da media de Europa" e que precisaría polo menos outras 100.000 profesionais desta modalidade.
"En Galicia non somos alleos e o Sergas xa incrementou nun 20% estes profesionais desde 2008", reivindicou o presidente, antes de recoñecer que aínda "falta camiño por percorrer".
Actualmente, hai no sistema público galego uns 13.000 enfermeiros.