Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta propón contratos entre alumnos e centros para regular o uso de pantallas fóra dos horarios lectivos

A Xunta propón contratos entre alumnos e centros para regular o uso de pantallas fóra dos horarios lectivos

O Consello da Xunta aproba o Plan integral de benestar dixital, que entre as súas medidas contempla un contrato voluntario que comprometa os alumnos no tempo de uso e horarios destes dispositivos

O programa, ao que se van destinar 7,4 millóns de euros, tamén contempla accións para o bo uso dos contornos dixitais e axuda ás familias e aos docentes para xestionar a súa utilización

G24.gal 12/01/2026 10:35 Última actualización 12/01/2026 15:58

Será un contrato voluntario, baixo a supervisión das familias, que asinarán os alumnos e os centros educativos para regular o uso de pantallas máis alá dos espazos docentes e das contornas dos colexios e institutos. A iniciativa, que se inclúe dentro do Plan integral de benestar dixital que este luns aprobou o Consello da Xunta, contempla unha serie de "obrigas para o alumno sobre tempo e horarios no uso de dispositivos dixitais fóra do centro escolar", explicou Alfonso Rueda.

O presidente da Xunta destacou o seu Goberno, á espera de aprobar a "pioneira" lei de educación dixital, busca "dar pasos" para que os centros sexan contornos dixitais "seguros e saudables" e ao mesmo tempo promover un "uso adecuado e consciente" da tecnoloxía.

Ademais, impulsaranse medidas para potenciar que os alumnos aprendan a "identificar, analizar e verificar" contidos dixitais a modo de prevención fronte ás "fake news"; ou unidades didácticas para "identificar e reflexionar sobre as principais vulneracións que se poden dar no mundo dixital".

Tamén se activará formación específica para "axudar as familias" ante o uso de tecnoloxía por parte dos seus fillos e fillas e cursos para mellorar as habilidades dixitais do profesorado.

Microcredenciais

O Consello da Xunta tamén aprobou un decreto para regular as microcredencais, certificacións dixitais que acreditan un coñecemento ou unha capacidade específica adquiridos a través dunha aprendizaxe breve, estruturada e orientada ao mercado laboral, co obxectivo de mellorar a formación dos traballadores e responder ás demandas de especialización por parte das empresas.

O conselleiro de Emprego, José González, especificou que con esta regulación, que entrará en vigor no prazo dun mes, as propias empresas que contratan poderán dar esta formación, que debe ter unha duración comprendida entre as 10 e as 100 horas.

Alfonso Rueda tamén anunciou varias medidas para apoiar o sector primario. Van destinar 3 millóns de euros á reconversión de viñedos, 19 millóns para melloras nas instalacións das industrias de produtos agrarios e 14 millóns a axudas para as empresas de produtos do mar.

Pagamento dos atrasos aos empregados públicos

Ademais o Goberno galego tamén aprobou pagar esta mesma semana aos empregados públicos autonómicos o incremento salarial do 2,5 % correspondente a todo o 2025. Farase nun pagamento único. A nómina de xaneiro incluirá tamén a suba do 1,5 % deste ano, así que os traballadores da Xunta cobrarán un 4 % máis que en decembro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade