Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta avanza na tramitación da planta de biometano que se instalará no polígono do Ceao, en Lugo

A Xunta avanza na tramitación da planta de biometano que se instalará no polígono do Ceao, en Lugo

O Consello da Xunta declarou Proxecto Industrial Estratéxico o proxecto Lugaz bioenerxía, impulsado por Leite Río

G24.gal 15/09/2025 11:00 Última actualización 15/09/2025 14:32

O Consello da Xunta aprobou este luns a declaración como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) a planta de produción de biometano Lugaz bioenerxía que se vai construír no polígono do Ceao, en Lugo.

A planta, impulsada por Lence, matriz de Leite Río, e por Norventotransformará en gas natural e fertilizantes os restos orgánicos procedentes da factoría que a empresa leiteira ten no mesmo polígono e tamén de explotacións gandeiras próximas.

O obxectivo é que a mediados do 2028 estea en funcionamento. O investimento previsto por parte dos promotores para a posta en marcha desta planta é de 7,5 millóns de euros, coa creación de 30 postos de traballo.

Segundo defendeu Alfonso Rueda o proxecto enmárcase na aposta da Xunta polas industrias verdes e coa declaración de PIE reduciranse trámites para a construción da planta.

Axudas da PAC

O Goberno galego aprobou, ademais, aboar esta semana a uns 21.000 gandeiros e agricultores un pagamento complementario á PAC de 2,4 millóns de euros. 

Son axudas correspondentes ao exercicio do 2024, e con elas danse por pechados os pagamentos a cargo dese ano que repartiron 216 millóns sector agrogandeiro galego.

Subvencións para produtores pesqueiros

O Consello da Xunta tamén acordou destinar 2,8 millóns en axudas para apoiar as Organizacións de Produtores Pesqueiros de Galicia cos plans de produción e comercialización executados en 2024.

As axudas están destinadas a financiar iniciativas para mellorar a pesca extractiva, promover artes artesanais, e realizar estudos de mercado ou incorporar tecnoloxía ao sector.

Ademais, na reunión do Executivo galego deste luns acordouse a distribución das axudas para mellorar a competitividade da cadea monte-industria por un importe de case 10 millóns de euros e 86 beneficiarios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade