Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta pedirá ao Goberno aclaracións sobre as áreas para a instalación da eólica mariña

A Xunta pedirá ao Goberno aclaracións sobre as áreas para a instalación da eólica mariña

"Queremos concrecións", di o presidente da Xunta

G24.gal 02/03/2023 11:03 Última actualización 02/03/2023 15:19

A Xunta de Galicia vai solicitar "canto antes" unha reunión ao Ministerio para a Transición Ecolóxica para que "aclare e xustifique" as zonas escollidas para o desenvolvemento da eólica mariña na costa de Galicia nos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM).

"Entendemos que non están suficientemente xustificadas desde o punto de vista técnico", asegurou o presidente, Alfonso Rueda.  

Logo de avaliar un informe na reunión semanal do Consello da Xunta, Rueda explicou que o Executivo "ten que explicar" esta delimitación, tendo en conta que "non se recolleron as alegacións" que nos últimos dous anos presentou o Observatorio da Eólica Mariña de Galicia, órgano que precisamente se reunirá este xoves.  

Alfonso Rueda cre que lle falta ademais seguridade xurídica ao plan do Goberno, porque ten vixencia ata o 2027 e non se agardan os primeiros parques ata finais da década. O presidente da Xunta defende que cómpre darlles certezas a dous sectores económicos clave: a pesca e a eólica mariña.

Unha "delimitación xeral sen información detallada"

En calquera caso, Rueda asegurou que apoia o impulso desta fonte de enerxía se está "ben exposto", tendo en conta que España leva "un atraso" con respecto ao resto de Europa.   

Á parte do atraso nesta regulación que xa recriminou ao Goberno, Rueda criticou que se trata dunha "delimitación xeral" de zonas en que cre que falta "información detallada" sobre os caladoiros que se poidan ver afectados, polo que insistiu en reclamar "concrecións" respecto diso.

Aínda que admitiu que a Xunta si participou no proceso, porque presentou alegacións ata en tres ocasións, engadiu que non se recibiu resposta a estas achegas cando "o normal é que houbese un diálogo constante" e, desta maneira, incluso as reaccións aos POEM fosen distintas.

"Mandámolas como quen manda as cousas a unha caixa de correos", apuntou sobre as alegacións expostas.

Planta experimental en Punta Langosteira

Ademais, Rueda asegurou non ten "ningunha constancia" de se o Executivo central "autoriza ou non" a planta eólica mariña experimental que a Xunta expuxo no porto exterior da Coruña, ao contrario do que manifestou o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.

"Non teño ningunha resposta específica do Ministerio sobre se a podemos poñer ou non", lamentou Rueda, quen argumentou que só houbo un "correo electrónico sen firma" no que se dicía que esta plataforma 'off shore' podería ter "algún problema", ademais da reunión que tivo con Teresa Ribera, na que falaron da eólica mariña.

Así que se o Goberno considera que a Xunta ten "constancia oficial" respecto diso por esa conversación e un "papel sen sinatura" é que "non se está tomando o tema con seriedade", resolveu. 

A Xunta recorre ante a xustiza a cooficialidade da ría do Eo

A Xunta vai seguir recorrendo nos tribunais para defender o nome da ría de Ribadeo. O Goberno central aceptou como oficial a denominación de ría do Eo. Tras o rexeitamento dos recursos administrativos contra esta decisión, o Goberno galego recorrerá agora ante o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid. O obxectivo, di o presidente, é salvagardar o patrimonio cultural inmaterial.

Plan de xestión das Fragas do Eume

O Goberno galego tamén aprobou o plan de xestión das fragas do Eume para a próxima década. É o plan que define en que se van investir 8 millóns e medio de euros para preservar o parque natural, e tamén que actividades se van permitir. A Xunta vai seguir comprando terreos, xa que o 80% das fragas está en mans privadas.

Vacinación contra a gripe

O Sergas xa se prepara para a campaña da gripe do próximo outono. A Xunta aprobou hoxe a compra de case 900.000 doses por valor de dez millóns de euros.

Sanidade destaca a boa resposta da cidadanía o ano pasado. Vacináronse o 77 % dos maiores de 65 anos. Tamén se inmunizaron a metade do nenos de seis meses a cinco anos, que entraban por primeira vez na campaña da gripe.

A Xunta tamén mercará 55.000 doses da vacina de pneumococo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade