Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta crea un programa contra o abandono escolar para atraer 10.000 persoas

A Xunta crea un programa contra o abandono escolar para atraer 10.000 persoas

O conselleiro de Educación afirmou que o programa Cualifica Talento está pensado para actuar sobre os colectivos onde máis se produce o abandono: varóns de entre 18 e 24 anos

 O obxectivo é o de reducir o abandono e aproveitar o talento para mellorar a súa cualificación

G24.gal 06/04/2026 11:07 Última actualización 06/04/2026 15:11

O Goberno galego aprobou este luns o lanzamento do novo programa Cualifica Talento, unha iniciativa deseñada para combater o abandono escolar prematuro e atraer de novo ao sistema educativo a colectivos específicos, cun obxectivo inicial de alcanzar a unhas 10.000 persoas.

Segundo detallou o conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez, na conferencia de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta, este programa centrarase especialmente no perfil identificado con maior taxa de abandono: homes de entre 18 e 24 anos e inmigrantes.

O conselleiro precisou que, mentres a taxa de abandono feminina se sitúa no 7,2 %, a masculina ascende ata o 13,5 %, o que converte este fenómeno nun problema cun marcado compoñente de xénero.

A pesar de que Galicia presenta actualmente unha taxa de abandono do 10 %, por baixo da media estatal (13 %), segundo subliñou, a Administración autonómica busca seguir mellorando estas cifras para evitar que os mozos carezan de titulación, algo que "os condena a itinerarios vitais complexos".

Para a execución de Cualifica Talento, a Xunta creará equipos de orientación específica en áreas urbanas, integrados por persoal especializado e profesores de Formación e Orientación Laboral (FOL) . Estes equipos encargaranse de identificar e contactar cos posibles beneficiarios -principalmente por vía telefónica- para ofrecerlles asesoramento personalizado e itinerarios formativos flexibles.

Neste proceso, a Consellería empregará ferramentas de intelixencia artificial, como o asistente OPI orienta, para facilitar información sobre a oferta educativa. Así mesmo, traballarase de forma coordinada con asociacións e organizacións que atenden persoas desfavorecidas ou inmigrantes.

Os participantes poderán reincorporarse ao sistema a través de opcións adaptadas ás súas circunstancias, fundamentalmente a Formación Profesional (FP) acelerada, as escolas para adultos (EPAPUS) e as escolas oficiais de idiomas. Ademais, promoverase a acreditación de competencias para que estas persoas poidan obter un recoñecemento oficial da súa experiencia laboral previa.

A previsión da Xunta é que os equipos comecen os contactos co "perfil diana" de forma inmediata, co fin de que os interesados poidan matricularse este verán e iniciar a súa formación no próximo curso escolar.

Con todo, Rodríguez subliñou que este programa non é unha acción illada, senón que se integra na estratexia FPGAL 360 e alíñase co Plan MEGA de atención ao alumnado estranxeiro. O conselleiro concluíu insistindo en que o obxectivo final é "xerar oportunidades" e dotar os sectores produtivos de recursos humanos "máis cualificados e preparados".

Neste contexto, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a aprobación por parte do Consello de licitar a compra de novos materiais didácticos en papel para reforzar o ensino híbrido nos centros educativos galegos, todo iso por un importe superior a un 1.100.000 euros.Será para fichas didácticas; materiais con exercicios; actividades para realizar prácticas de ciencias sociais, naturais e matemáticas e, ademais, outro tipo de elementos para levar a cabo estas prácticas, como lupas, básculas, cintas métricas ou mapas.

"Recordo que a implantación do modelo híbrido vai ser progresiva, empezaremos por diferentes niveis educativos, iremos subindo e o obxectivo é beneficiar con este modelo a 25.000 alumnos e alumnas nos próximos dous anos", concluíu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade